Actualidade The Lord of the Rings Gollum confirma o seu lanzamento para a nova xeración

The Lord of the Rings Gollum confirma o seu lanzamento para a nova xeración

Novas frescas desde Daedalic Entertainment, o estudio responsábel  de The Lord of the Rings: Gollum, a futura obra dixital ambientada no universo de Tolkien. A compañía vén de confirmar que o xogo chegará a PlayStation 5, Xbox e PC nalgún momento do 2021. Vaia, máis dun ano e pico de espera, como mínimo.

A información foi publicada pola revista EDGE, na que tamén se avanzan algúns detalles desta aventura protagonizada por Sméagol. O título é descrito como unha mestura de acción e sixilo, onde o protagonista deberá convivir coa súa dobre personalidade a través de mecánicas especialmente deseñadas para a ocasión. Os niveis serán de gran tamaño, tal e como as paisaxes descritas pola obra orixinal, e beberase directamente desta fonte para os seus deseños.

A narración comezará en Barad-dûr, a alta e negra torre de Mordor, na que se atopa preso o que no seu día foi un hobbit coma Frodo ou Sam, agora convertido nunha desgraciada criatura por culpa da influencia do Anel de Poder. Daedalic tamén sinala que non será o único lugar a visitar, senón que se realizará un percorrido por diversas paraxes da Terra Media.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.