Actualidade The Medium non chegará a PC nin Xbox até o vindeiro xaneiro

The Medium non chegará a PC nin Xbox até o vindeiro xaneiro

Nin a nova xeración de consolas é quen de se librar dos atrasos. The Medium, un dos títulos cos que Microsoft quere convencer nesta nova etapa, non chegará este ano tal e como estaba programado. O equipo polaco Boober Team, responsábel de obras como Observer ou Layers of Fear, comunicou a través das súas redes sociais que a nova data para a súa obra será o 28 de xaneiro de 2021.

A empresa explica nun breve anuncio que a pandemia global que estamos a vivir é a responsábel deste pequeno atraso de pouco máis dun mes. Esta situación é, doutra banda, un pequeno golpe para os usuarios de Xbox Series X, xa que The Medium figuraba como un deses exclusivos de consola cos que competir de ti a ti coas novidades que vaia editando PlayStation 5.

Definido como un xogo de aventura e misterio en terceira persoa, entraremos na pel de Marianne, unha muller que posúe a habilidade de poder estar en dous mundos á vez. Haberá intres da aventura nos que a pantalla aparecerá dividida e controlaremos a personaxe nos dous ámbitos. Detrás de o proxecto hai xa nomes ben coñecidos dentro da industria, como  Akira Yamaoka, compositor musical da saga Silent Hill; ou o actor de dobraxe Troy Baker, quen dará vida ás Fauces, o inimigo principal da obra.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.