Actualidade Twitter bloquea sen previo aviso a editora barcelonesa Abylight

Twitter bloquea sen previo aviso a editora barcelonesa Abylight

Máis aló de ver como as redes sociais serven como medio de expresión persoal e individual, é evidente o seu poder como ferramenta de traballo para empresas e autónomos. Por iso, a suspensión dunha conta de Twitter é un duro golpe a nivel comunicativo para unha compañía, como é Abylight Studios, editora e desenvolvedora barcelonesa que perdeu o acceso á súa conta oficial logo de aparecer esta suspendida sen aviso previo.

Abylight é a editora de éxitos locais como Super Hydorah Maldita Castilla, amais de producións estranxeiras como Hyper Light Drifter, sendo os responsábeis de levar esta obra a iOS e Nintendo Switch. Após quedar desconectados da súa comunidade de 7.400 usuarios en Twitter por un erro dos seus algoritmos, a compañía tratou de contactar co soporte da plataforma durante esta última semana, sen éxito, polo que agora fan unha chamada pública de axuda e así xerar unha campaña que lles outorgue visibilidade nas redes.

A conta de Twitter levaba en activo desde 2009 e era unha vía de comunicación directa para todos os proxectos da editora. Se estás interesado en manter o contacto co estudio e seguir informado seus anuncios, consulta a súa páxina web e a súa canle de Instagram.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.