Actualidade Ubisoft promete reconducir Ghost Recon Breakpoint

Ubisoft promete reconducir Ghost Recon Breakpoint

Non foron poucas as críticas negativas que Ghost Recon Breakpoint foi recibindo ao longo destes últimos días. Ubisoft non quere que o seu xogo caia en desgraza e promete mellorar o título mediante o traballo duro. Non é a primeira vez que os franceses enfrontan unha situación semellante, polo que aínda hai esperanza para os usuarios que queiran gozar de Breakpoint.

«Desde o lanzamento, o equipo de Ghost Recon Breakpoint escoitou e leu con atención críticas e comentarios e mesmo se reuniu en persoa con xogadores. E ese feedback recolleuse co fin de traballar duro para engadir axustes e mellorar a experiencia dos xogadores», comeza a nota oficial que distribuíu a compañía.

No novo anuncio, os responsábeis do xogo explican que darán prioridade á corrección e mellora do apartado técnico. «Após lanzar a actualización 1.0.2 o 15 de outubro, que liquidaba as cuestións máis urxentes que se podían implementar nese período de tempo, unha nova actualización prevista para mediados de novembro incluirá axustes na implementación dos drons e en cambiar a velocidade de disparo, entre outras melloras. Unha terceira actualización a finais de novembro, engadirá os cambios máis urxentes compartidos pola comunidade», concretan.

A cousa non acabará aquí. Ubisoft tamén quere cumprir o compromiso de lanzar a tempo o contido post lanzamento, así como eventos especiais. O primeiro paso será Proxecto Titán, a primeira Raid, que aterrará en decembro, seguido do evento de Terminator. Máis? Máis. Tamén se revisará a economía do xogo, a  IA dos aliados, que volverá a ser agregada; e as decisións sobre o deseño do xogo, que se canalizará para ofrecer un xogo máis radical e inmersivo, ademais de permitir ao xogador adaptar a experiencia ao seu estilo de xogo, son outros puntos que o equipo de desenvolvemento aborda na carta que se pode ler aquí.

Plan de mellora publicado por Ubisof para Ghost Recon Breakpoint.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.