Un ataque informático a Capcom filtra datos privados da compañía

Un ataque informático a Capcom filtra datos privados da compañía

Hai unhas semanas Capcom foi vítima dun ataque informático nos seus servidores, feito que no seu momento parecía entrar dentro do típico para unha compañía destas características. Por desgraza, semella que o ataque foi máis perigoso e efectivo do que se pensaba. A empresa xaponesa emitiu un comunicado no que sinala o alcance dos danos, que inclúe información privada da compañía.

A información, que pode ser achada e lida en diversos foros da Rede, non será tratada nestas liñas para non contribuír á extorsión que está a sufrir a marca. No documento, Capcom confirma a obtención de información relevante, como datos persoais de empregados e, posiblemente, información privada de socios, investidores e usuarios. Descartan a filtración de datos de tarxetas de crédito.

A compañía explica que polo momento seguirán desenvolvendo con normalidade o seu traballo, e ofrece publicamente as súas desculpas a «aqueles clientes potencialmente afectados, así como aos seus accionistas».

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.