Actualidade Unha receita de Breath of the Wild cóase na narrativa de John Boyne

Unha receita de Breath of the Wild cóase na narrativa de John Boyne

John Boyne é hoxe un escritor máis que coñecido, feito derivado do éxito da obra O neno do pixama a raias (2006) que tamén conta cunha adaptación cinematográfica. Ora ben, ao longo das últimas horas, o autor viuse relacionado cunha das franquías máis importantes de Nintendo.

No seu último libro, A Traveller at the Gates of Wisdom (2020), atópase unha referencia un tanto estraña, sacada directamente de Zelda: Breath of The Wild (2017). A novela viu a luz hai un par de semanas, pero o detalle de como se tingue unha peza de cor vermella non pasou inadvertido para Dana Schwartz e outras personalidades de Twitter. Exacto, Boyne fixo un uso directo de Google e a primeira ‘receita’ fai referencia á un dos últimos títulos con Link como protagonista, receita que aparece literalmente nun fragmento do libro.

O autor contestou a Schwartz confirmando o que parecía obvio: si, todo é debido a unha procura rápida en Google. Iso si, Boyne sinalou que non pretende corrixir o erro en futuras edicións, asumindo o mesmo con humor. «Algo me di que estarei a contar esta anécdota nos escenarios durante moito tempo», finaliza o escritor na súa resposta.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.