Actualidade Unha gala de graduación dentro de Minecraft para evitar o coronavirus

Unha gala de graduación dentro de Minecraft para evitar o coronavirus

Xapón non é un país alleo á problemática do Covid-19. O país asiático levas unhas dúas semanas tamén coas escolas pechadas e, igual que aquí, a cousa parece que se alongará de maneira indefinida. Os seus estudantes viron cancelados a maioría de eventos sociais, o que inclúe as graduacións. Por sorte, o enxeño e a tecnoloxía están da súa parte para unha reunión similar, malia que sexa virtual.

Un grupo de escolares nipóns quixo celebrar a súa cerimonia en Minecraft. O usuario backyennew publicou unha imaxe en Twitter que amosa o evento; foi o seu fillo e os seus amigos os que decidiron o encontro e a súa forma, mesmo construíron unha escola para a ocasión.

Ao longo destes últimos días, non poucos usuarios aproveitaron para trataren de pasar a corentena dentro dos videoxogos. Steam, por exemplo, bateu o seu récord de usuarios, rexistrando un pico próximo aos vinte millóns de xogadores simultáneos en liña. Tamén en Minecraft, Reporteiros Sen Fronteiras abriu unha biblioteca virtual para eludir a censura sobre certos artigos xornalísticos segundo que países.

Por enémisa vez, o videoxogo lembra que como medio pode achegar vivencias e experiencias como ningún outro. De seguro que nos próximos días haberá máis titulares deste estilo. Non esquezan supervitaminarse e mineralizarse!

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.