Actualidade Unha semana despois, GRIS xa é rendible

Unha semana despois, GRIS xa é rendible

O estudio catalán Nomada Studios anunciou eesta semana que GRIS, un dos xogos independentes do momento, vén de cubrir os seus gastos de creación e produción, polo que xerará beneficios a todo o equipo a partir de agora.

Bastou unha semana para que a aventura protagonizada por Gris fose rendible. Algo meritorio. Non sempre se consegue, e menos nunha cantidade de tempo tan ínfima para un produto audiovisual e cultural.

O certo é que GRIS, dispoñible tanto en PC como en Nintendo Switch, conseguiu unificar críticas, recibindo afagos ao longo de todo o planeta. A día de hoxe, a súa nota en Metacritic é de 83, por parte da prensa especializada; e de 8.7, por parte dos usuarios. En ámbolos dous casos, moi alta.

“GRIS leva no mercado unha semana e o noso equipo está atafegado pola incrible recepción, e emocionado de que o xogo xa sexa rendible. Grazas polo voso apoio!”, sinala o chío colgado na conta oficial do estudio catalán.

Un triunfo do diferente e o artístico a través dunha viaxe agradable e bela. En Morcego xa gozamos enormemente dela.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.