Valve publica por sorpresa o seu novo xogo, Dota Underlords

Valve publica por sorpresa o seu novo xogo, Dota Underlords

Despois do incríbel éxito do mod DOTA Auto Chess, só era cuestión de tempo que Valve retomase a senda que tantas alegrías lle deu no pasado: convertir un xogo non oficial, nun xogo real. Nun principio quería contar cos creadores orixinais do mod, pero semella que a cousa non chegou a bo porto. O estudo chinés Drodo Studio ficou coa posibilidade de facer unha versión para móbil e colleuna, obviando a de Steam, chamada Auto Chess. Ora ben, durante o E3, no PC Gaming Show, púidose comprobar como Epic decidiuse a levar este novo xogo á súa tenda, o que puido motivar o empurrón definitivo para que Valve, dona de Steam, decidise dar luz verde á publicación de Dota Underlords, a versión oficial (por así dicilo) dun título que nace oficializando un xénero novo, o chess hero.

Se desexas saber de que vai todo isto, en Morcego dedicamos xa un par de artigos a falar das bondades deste novo tipo de xogo, coa estratexia como base. Porén, o mellor é ver vía Twitch ou Youtube algunha partida para comprender con maior exactitude que é Dota Underlords.

«Dota Underlords é un novo xogo independente no que enfrontas a sete opoñentes nunha batalla de enxeño na que terás que dar forma, combinar e subir de nivel a un conxunto de personaxes ao longo dunha batalla por dominar a cidade de White Spire. Neste xogo, a vitoria está determinada non polos reflexos de contracción, senón por tácticas superiores», reza o comunicado oficial compartido a noite do xoves.

Pantalla de inicio de Dota Underlords.

Está xa dispoñible? Sí, pero…

Segundo se pode ler no comunicado de lanzamento, ao longo das últimas semanas diversos xogadores puideron ir probando nunha beta privada a evolución do xogo. Agora, todos os posuidores dun Dota 2 Battle Pass poderán xogar tamén. Isto quere dicir que terás que descargar DOTA 2 e comprar o actual pase de batalla que hai con motivo da International, o torneo máis grande do xogo. O prezo mínimo deste compendio é de 8,75 euros, o MOBA é un free-to-play.

No caso de que teñas devandito pase, terás permiso para:

  • Xogar en liña contra outros sete xogadores á vez
  • Practicar sen conexión contra robots avanzados (cada cal máis difícil)
  • Reunir un grupo de amigos e xogar xuntos contra bots ou outros xogadores

Dentro dun par de semanas, abrirase a Open Beta, aberta a todo o mundo. Este período de probas si será de balde para todo aquel que teña instalado Steam, ben en Windows, en Mac ou en Linux. Ademais, tamén se poderá xogar en Android e en iOS. A partires de aí, poderase:

  • Procurar partidas profesionais (ranked games)
  • Xogo cruzado entre todos os dispositivos
  • Compartir o progreso da túa conta entre todas as plataformas dispoñibles

Valve avisa: o xogo está en beta e quere escoitar as queixas e as proposicións que fagan os xogadores para facer o mellor título posible e, tras un tempo de probas, publicar a primeira tempada oficial de Dota Underlords.

Aspecto do taboleiro cos seus respectivos menús.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.