Actualidade Vegeta, Piccolo e Son Gohanda tamén serán controlábeis en Dragon Ball Z: Kakarot

Vegeta, Piccolo e Son Gohanda tamén serán controlábeis en Dragon Ball Z: Kakarot

Bandai Namco Europa, editora de Dragon Ball Z: Kakarot, vén de amosar novas imaxes do agardado RPG de mundo aberto no que volveremos salvar o mundo con Son Goku. Desde hai uns días especulábase coa posibilidade de manexar a outros personaxes e así se confirmou: Vegeta, Piccolo e Son Gohanda tamén poderán ser controlados de xeito directo polo xogador.

As imaxes compartidas na conta de Twitter oficial de Bandai Namco mostran o deseño que terán na aventura dous destes personaxes, ademais de Yamcha e Chiaotzu, que xunto a Krillin e Tien Shinhan serán loitadores que aparecerán como personaxes de apoio.

Apoio? Si. O xogador poderá dar ordes a este tipo de compañeiros mentres controla a un dos protagonistas principais. Porén, non se sabe se estes serán todos os personaxes adicionais cos que poderemos xogar durante a aventura, ou se serán presentados máis no futuro.

A historia de Dragon Ball Z: Kakarot iniciarase coa chegada dos Saiyan —super guerreiros na versión do Xabarín— ao planeta Terra e continuará até a saga de Freezer. Estes dous fíos argumentais están confirmados ao cento por cento. Desenvolto por CyberConnect2, o título chegará ás tendas para PC, PlayStation 4 e Xbox One co comezo do 2020.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.