Actualidade Xa dispoñíbel a demo en Steam de Intruder in Antiquonia, dos galegos Aruma Studios

Xa dispoñíbel a demo en Steam de Intruder in Antiquonia, dos galegos Aruma Studios

Aruma Studios, estudio creado por Silvia Izquierdo e Rubén López, con sede na Coruña, confirmou hai uns días a chegada da demo do seu primeiro título de aventuras de longa duración, Intruder in Antiquonia. A demo, que pode ser descargada desde Steam e está dispoñíbel para Linux, Mac e Windows. 

A historia desta obra xira ao redor de Sarah, unha rapaza que aparece tendida e inconsciente sobre a estrada que leva até o pobo de Antiquonia. Trala súa recuperación, sofre amnesia e deberá permanecer nesta vila namentres investiga o seu pasado, mais pronto descubrirá que os seus habitantes non son moi amigos da Internet, un detalle que lle causará certas dificultades a Sarah á hora de investigar e revelar o seu pasado.

Din os seus creadores que «Antiquonia é unha cidade fermosa e única, inspirada en gran medida nos pobos da Galiza, onde creceu o matrimonio que desenvolve o xogo. Galicia ten preciosos pobos e aldeas cheas de alma e orgullosas da súa historia, e os desenvolvedores esforzáronse en capturar esta esencia tanto no estilo visual como na música». Trátase dunha aventura gráfica clásica en 2D con gráficos de alta resolución, banda sonora orixinal e unha interface de usuario adaptada aos tempos actuais.

O soño de Silvia e Rubén disque é conseguir que a súa paixón por crear títulos de aventuras sexa un negocio rendíbel e continuar a ofrecer xogos que conten historias incríbeis. Podes apoiar este soño: entra en Steam, engade a lista de desexados e proba a demo!

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.