Actualidade Xa hai data :: Xbox Series X sairá en Nadal

Xa hai data :: Xbox Series X sairá en Nadal

Semella que Microsoft segue querendo ter a voz cantante cando falamos de anuncios sobre a seguinte xeración. Após desvelar Sony as especificacións da súa PlayStation 5, a compañía americana vén de actualizar a información da páxina oficial de Xbox Series X cunha sinxela imaxe e unha frase: «Coming Thanksgiving 2020»

Si, trátase do día de Acción de Grazas, que se celebra o segundo luns de outubro en Canadá e o cuarto xoves de novembro nos Estados Unidos e no Brasil. O máis lóxico é pensar que se trata desta segunda opción. Así, e dando unha ollada rápida ao calendario, pódese comprobar que este ano é o 26 de novembro. Xusto o día seguinte, o 27, é o chamado Black Friday, a xornada  que inaugura a tempada de compras e rebaixas en moitas tendas e grandes almacéns do país norteamericano.

É posíbel que ao longo das vindeiras semanas sigamos coñecendo máis detalles sobre a futura máquina vertical. Polo momento, a nova xeración xa ten unha data marcada en vermello no almanaque.

Actualización: Xusto despois de que diversos medios deran a nova, Xbox volveu actualizar a páxina para coller o antigo enunciado de «Coming Holiday 2020».

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.