Reportaxes Xogos na casa :: Doce títulos longos para esta corentena e máis alá

Xogos na casa :: Doce títulos longos para esta corentena e máis alá

Semella que xa podemos ver a luz ao final deste túnel creado pola corentena que trouxo a COVID-19. Decenas de días despois, as administracións confían en podermos máis pronto que tarde volver ás vellas rutinas, malia que con novos hábitos. Sexa como for, se hai unhas semanas creamos unha lista con xogos que podes pasar nunha tarde, nesta ocasión situámonos nas antípodas dese concepto, en títulos que quizais precises o que resta de peche para rematar calquera deles. Opcións máis que válidas se buscas mundos vastos e cheos de historias coas que gozar estes días.

Assassin’s Creed Odyssey

Xusto estes días vén de revelearse o nome do novo xogo desta emblemática saga de Unisoft, Valhalla. Os viquingos serán os seus protagonistas, pero antes dese novo camiño quizais queiras coñecer un dos mellores Assassin’s Creed que se crearon, unha colosal narración ambientada nas terras mitolóxicas da Antiga Grecia, continuando ese camiño de acción e RPG iniciado en Origins e a seu Antigo Exipto. A fórmula é diferente á dos primeiros xogos, pero asegura horas e horas de exploración nun mundo xigantesco que promete centos de horas.

Animal Crossing: New Horizons

Unha aventura tan longa como un decida que sexa. O xogo de Nintendo é un fenómeno social, unha experiencia fantástica onde a meta é a evasión pura, a creación dun espazo que coidar, decorar e, en certa medida, compartir. Bateu récords, xerou miles de millóns de comentarios e recibiu as máximas puntuacións. É estraño recomendalo porque seguramente xa o teñas se estás en posesión dunha Switch. A Gran N xa avisa: haberá actualizacións e sorpresas durante anos.

Death Stranding

Detrás das cámaras das grandes producións da sétima arte atópanse xenios que elevan as súas obras un chanzo máis. Hideo Kojima, pai da saga Metal Gear, dá vida e forma a un título cunha proposta inusual dentro da industria dos videoxogos. Encarnando a Sam Bridges teremos que percorrer os Estados Unidos nunha viaxe solitaria, no que a conexión entre as persoas será fundamental para o destino da humanidade.

Dark Souls

Custa escoller un só xogo de Dark Souls, a saga que o xenio Hidetaka Miyazaki iniciou anos atrás. Tendo isto en conta, quizais sexa mellor recomendar a triloxía completa, da A á Z, incluíndo as súas expansións. Os xogos de acción e RPG máis emblemáticos da última década, eses que foron copiados até a saciedade polo resto de estudios na procura da súa xenialidade. A famosa frase «non é un xogo para todo o mundo» en realidade ben podería ser: «non é un xogo para o que odie morrer e repetir». Tamén podemos aplicarla en Bloodborne e Sekiro: Shadows Die Twice, outros títulos para recomendar, tamén de duración xenerosa.

Final Fantasy

De novo, escoller un dos seus títulos sería unha imposibilidade perante a pura subxectividade. Trátase da franquía que conseguiu facer triunfar o modelo JRPG en Occidente, unha saga que leva décadas xerando paixóns e que acumulou seguidores en todos os recunchos do mundo. Historias enormes, personaxes inesquecíbeis. Final Fantasy VII Remake é o seu último gran disparo, malia que virán máis. Final Fantasy VI, VII, VIII, IX, X, XII, XV… calquera deles ten o seu aquel; papeis no chapeu e a escoller.

Doutra banda, convén facer unha mención especial a outra gran saga JRPG, como é Dragon Quest. Non tan coñecida en Europa e América, a súa última achega, ese Dragon Quest XI: Ecos do pasado perdido, é outra marabilla que ofrece decenas de horas. Máis opcións? Octopath Traveller, Xenoblade Chronicles 2

Horizon: Zero Dawn 

Un mundo primitivo pero con criaturas robóticas que viven e avanzan polas súas paraxes. Grazas a un dos mellores despregamentos gráficos de toda a xeración, Horizon: Zero Dawn recolle as virtudes de moitos outros títulos, nunha fórmula que ten como ingredientes un impresionante mundo aberto, un sistema de caza tremendamente vicioso e unha historia que nos manterá pegados á pantalla durante horas.

Kingdom Hearts: The Story So Far 

Xuntar personaxes de Final Fantasy e de Disney? O que en 2002 parecía unha auténtica tolemia transformouse co paso dos anos nunha das franquías máis exitosas e queridas pola comunidade de xogadores. Se ben a historia de Sora, Donald, Goofy e compañía foise bifurcando cada vez máis, este recompilatorio recolle os nove xogos da saga anteriores á chegada de Kingdom Hearts III. Maxia, fantasía e unha das mellores bandas sonoras da industria a cargo de Yoko Shimomura espéranvos durante innumerábeis horas.

No Man’s Sky 

A única loita que un perde é a que abandona. Este é o mantra do que fixo gala Hello Games e o seu responsábel, Sean Murray, durante os últimos anos após o lanzamento dunha das obras que máis expectación xerou nos últimos tempos. Falsas promesas e fortes críticas despois, No Man’s Sky soubo curar as súas feridas e achegarse moito máis ao concepto orixinal do que partía. Unha viaxe intergaláctica no que un sistema procedural permíte visitar planetas completamente distintos, mellorar a nosa nave ou establecer unha base espacial xunto con outros viaxeiros.

Red Dead Redemption 2

A obra mestra de Rockstar para esta xeración, unha oda ao videoxogo de mundo aberto e á violencia acontecida no Salvaxe Oeste a través un Arthur Morgan que xa é historia viva do medio. Non se debe ver como un Grand Theft Auto en 1899, é algo moito máis fondo, tal e como desvelan esas paisaxes nas que podemos perdernos por horas, días e semanas, para logo regresar a casa, ao campamento da banda. Por se a aventura principal fose curta —que non o é—, tamén ten modo en liña.

The Witcher 3: Wild Hunt

O xogo que posicionou a CD Projekt RED como un dos estudios máis importantes deste milenio. Un RPG colosal nun mundo onde até as misións secundarias máis habituais poden ser auténticos relatos curtos dunha calidade sobresaliente. Geralt de Rivia colocouse como un dos heroes desta xeración grazas a esta Cacería Salvaxe. Decenas de horas entre bosques, montañas, lobos e cartas.

Uncharted: The Nathan Drake Collection 

Logo de conquistar o público en PS1 con Crash Bandicoot e en PS2 con Jak & Daxter, Naughty Dog volveu asombrar ao mundo co nacemento da saga Uncharted en PS3. Conxugando as mellores calidades de obras como Tomb Raider e Indiana Jones, a compañía estadounidense soubo crear unha serie de aventuras protagonizadas por Nathan Drake. Tesouros lendarios, tiroteos frenéticos e algunhas das mellores escenas de acción que se dirixiron en calquera videoxogo coroan esta recompilación da triloxía de PlayStation.

Zelda: Breath of the Wild

Nintendo Switch arrincou con paso firme o seu camiño polo mundo dos videoxogos acompañado por un dos mellores títulos de todos os tempos. Breath of the Wild expón un enorme patio de xogos no que o xogador irá descubrindo o vivo que está Hyrule. Unha aprendizaxe continua no que as sorpresas e a experimentación será o leitmotiv dunha aventura que supera o propio xénero de mundo aberto e asegura máis de 80 horas de duración.

Este artigo foi posbíbel grazas a Alita Comics, librería especializada con dúas tendas na Coruña e unha en Compostela. Podes coñecelos facendo clic na imaxe.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.