Yova Turnes: «Os estudios deberían pensar máis que os xogos son para vender se o que queren é vivir de crear videoxogos»

Yova Turnes: «Os estudios deberían pensar máis que os xogos son para vender se o que queren é vivir de crear videoxogos»

Informático e pai de dúas fillas a tempo completo, Yova Turnes (Portomouro, 1982) é o home perante a pantalla. Co seu fogar en Santiago desde hai anos, é o creador e máximo responsábel dun labor arduo pero necesario: crear unha biblioteca de videoxogos. Desde o seu nacemento en 2013, DeVuego converteuse no referente nacional á hora de acudir á maior base de datos do videoxogo en España. Obras, desenvolvedores, xornalistas e demais membros da industria son aglutinados nun arquivo que cada día amplíase un pouco máis.

Co paso do tempo, as súas redes expandíronse a outros ámbitos como o léxico de videoxogos ou o esquecido mundo da dobraxe. Roubándolle parte do seu prezado tempo, preguntámoslle acerca do seu proxecto, os plans de futuro e da súa mirada persoal da situación do videoxogo tanto en España como en Galicia.

Como xurdiu a idea de crear DeVuego?

DeVuego xurdiu nunha época na que eu me dedicaba a escribir bastantes artigos de xogos para as webs. Buscando temas sobre os que escribir, díxenme «vou facer un artigo recompilación para falar de videoxogos españois, para ver cales son os que están a funcionar mellor, cales van saír…». Nese intre pregunteime se habería algunha páxina especializada que tivese recompilados os lanzamentos que houbo de videoxogos españois para informarme. Púxenme a buscar e quitando a típica da idade de ouro do software español dos anos oitenta, non achei nada.

Como por aquel entón eu xa tiña outra páxina web moi similar, como é a de dobraxe, díxen: «Aquí hai un nicho de información sen explotar». Púxenme a facer o mesmo que coa web de dobraxe, só que con títulos españois, unha base de datos con todos os videoxogos españois que se fixeron, poñendo toda a información que puidese atopar.

Parecíame interesante tamén recompilar a xente que o facía, o rol que desempeñara cada persoa no xogo, e aí empecei a desenvolver un pouco a base. Logo dun tempo pareceume interesante engadir novas, análises e reportaxes de videoxogos nacionais. Aquilo foi no 2013. Aos poucos, todo foi crecendo e xa levo sete anos.

En todo este tempo, o único financiamento que recibiches é de Patreon, é dicir, dependes da achega que queira realizar a xente.

Financiamento ningún. O Patreon creeino hai dous ou tres anos, e sempre tiven moi poucos patrons. Unha pequena axuda e pouco máis. Recibín algunha doazón por Paypal, pero son escasas. No blogue, algún artigo que che patrocinan, e un pouco a través diso vas sacando algo. Teño unha colaboración desde hai dous anos coa AEVI (Asociación Española de Videoxogos). Tamén achegaron un pouco, o que poden, pero basicamente todo se financia desde o meu peto.

DeVuego conta con máis de 2000 xogos e 3000 desarrolladores rexistrados.

Agora que nos últimos anos parece que os videoxogos españois están a vivir un boom, notaches un incremento de solicitudes de estudios na base de datos?

Si, máis que un aumento de estudios, eu creo que hai os mesmos, mais xorden uns novos e pechan outros. Antes había moitos estudios de xogos móbiles, e ségueos a haber, de outsourcing… Tamén xurdiron outro tipo de traballos e permite o auxe de estudos indie; estes son os máis comúns que hai aquí en España.

Xa che digo, unha cousa compénsase coa outra. Se cadra un tipo de estudio aparece máis, outros van pechando, e mesmo houbo casos de estudios míticos que pecharon. Van flutuando o número de estudios, pero si que é verdade que hai máis estudios que hai uns anos; é lóxico.

Notaches un incremento de estudios galegos?

Os estudios galegos son algo case anecdótico. Están Gato Studio, Baroque Decay, Trim Tangle, Madruga Works… Si, saíron algún novos pero tampouco é unha evolución moi grande o que hai aquí en Galicia, polo momento.

Creaches os premios DeVuego, uns premios cos que pretendes recoñecer o labor dos profesionais da industria do videoxogo en España. Están a ter a relevancia ou a repercusión que ti desexarías?

Desde hai un par de anos, esta parte si que están a ter a repercusión desexada en redes sociais, sobre todo en Twitter. A xente dálles certo valor e certo prestixio aos premios. Gústalles participar, ser candidato, piden votos, coméntase quen pode estar nomeado, etc. Casualmente, o punto de inflexión duns anos cara aquí, o que foi unha especie de boom, non xurdiu polo apartado dos estudios ou do desenvolvemento de videoxogos, senón polo resto de cousas que rodean. É dicir, a prensa de videoxogos, os libros de videoxogos, as charlas e todos os eventos que hai.

Nese ido parece que hai máis ansias, non sei, de recoñecemento, xa que era un apartado un pouco máis esquecido dentro da industria. Moita xente ten gana de que se recoñeza tamén o que fai. Alén disto, si, non me queixo da repercusión que están a ter. Cada ano van a máis. A ver se algún ano podémoslle dar un plus de difusión ou mesmo facer unha especie de entrega de premios e ir mellorándo aos poucos.

Desde o posto que ti tes na base de datos de DeVuego, cales crees que son os recursos e os incentivos necesarios para que o auxe do videoxogo en España, neste momento en concreto, non quede como algo anecdótico, senón que continúe no tempo?

Eu creo que son varios factores. É precisa unha certa axuda por parte do Goberno, non tanto en canto a subvencionalos ou dar cartos aos estudios para financiar os desenvolvementos, senón que dean facilidades. O típico, algo do que se queixa moita xente é o caro que é montar unha empresa e xa non digamos os autónomos, que todos sabemos os problemas que atravesan. É sobre todo iso: axudas por parte do Goberno ás institucións, pero eu creo que é obrigatorio un cambio de visión, sobre todo dos novos estudios. Eu o que vexo é que hai unha tendencia para facer o videoxogo que un quere ou que a un lle gusta, é dicir: créase o videoxogo que querería xogar o propio desenvolvedor e non o videoxogo que se vai a vender, ou que vai ter certa repercusión.

Yova leva anos recompilando información da industria do videoxogo en España.

A min, a información que me chega a través de notas de prensa ou por novas de actualidade é que hai moita réplica de querer facer por exemplo xogos de terror, facendo o enésimo intento de crear o videoxogo de terror dos anos noventa, crear un novo Resident Evil, ou tentar emular as formas que xa existen. Hai moito intento de «gústanme os RPG», e tentas facer un RPG, é dicir, que o meu primeiro xogo sexa un RPG, e iso é unha tolemia. Eu creo que os estudios deberían pensar máis en que os xogos son para vender, se o que queren é vivir de crear videoxogos. Non digo que deban facer un estudo de mercado, porque iso é algo caro, pero si investigar un pouco pola súa conta, para ver que videoxogos foron feitos ultimamente, cales triunfaron e cales non.

Se optas financiar por crowfunding, con Kickstarter por exemplo, pois ver en que acertaron outros estudios, en que fallaron, tentar colle información un pouco antes de lanzarte a facer un xogo calquera simplemente porque queres facer ese xogo. En definitiva, a axuda vén de parte das institucións, pero tamén é preciso un cambio de chip dos desenvolvedores, de ver máis a parte de que isto é un negocio (se o que queren é vivir diso) e non tanto un pasatempo.

Aparte de DeVuego, tamén creaches outras páxinas, entre elas Dobraxe de Videoxogos. Como valoras a dobraxe de videoxogos en España, ese recuncho un pouco agochado?

(Risas) A ver, eu sempre o digo, é un tema espiñento o da dobraxe. Sempre hai o bando defensor e o bando atacante, os defensores da versión orixinal… Eu en videoxogos sempre respecto a aquel que queira a versión orixinal fronte á versión dobrada. Porén, eu creo que é en videoxogos onde ten máis sentido que haxa unha edición dobrada. Á fin e ao cabo, estás a interpretar a un personaxe virtual que non ten porqué estar asociado a unha voz concreta, senón a quen se preste para facelo.

En xeral o que se comenta é que en España hai un bo nivel de dobraxe de videoxogos, desde hai bastante tempo. Loxicamente sempre houbo erros e chapuzas, ao estilo VIRREINA, que sempre recompilan as páxinas. Hai moitos actores e actrices de dobraxe moi bos, e ademais hai novas xeracións que están a saír agora.

Notaches se hai intentos de dobrar videoxogos ao galego?

Non. O do galego é algo anecdótico. Xa sabemos que Gato Studio fixo algún intento; dobraron ao galego un dos capítulos da súa aventura gráfica AR-K, pero case sempre é algo que sae máis do corazón dos desenvolvedores, tendo en conta que temos poucos desenvolvedores galegos e que poucos videoxogos a nivel nacional xa non saen dobrados ao castelán, máis difícil veremos que os poucos videoxogos galegos que hai, vaian estar nesta lingua.

Creo que si hai demanda, á xente gustaríalle ter videoxogos no seu idioma, loxicamente, mais salvo que xurda a través dunha nova iniciativa da Xunta ou dalgunha institución galega, é difícil conseguir algunha axuda. Non creo que doutro xeito algún estudio local vaia arriscar investindo na dobraxe galega.

Outra das páxinas é a de GamerDic, o dicionario de termos de videoxogos. Que requisitos debe ter a palabra para pasar a formar parte do compendio?

Agora mesmo hai máis de 700 termos e non estou seguro de cantos coñecía con anterioridade. 400? Con eses 400 termos que, máis ou menos, como xogador de toda a vida xa os coñecía, non consultei ningunha fonte. Baseime un pouco da miña propia experiencia e salvo casos puntuais, érame suficiente para consideralos.

Xa cando chegamos a certo número de termos, xa comearon a xurdir palabras de novas xeracións. Eu non son moi maior, teño 37 anos, pero para certos videoxogos se cadra si que estou un pouco desfasado. Nas comunidades League of Legends, Fortnite ou de Dota xorden moitísimos termos que para min son totalmente descoñecidos. O criterio que adoitaba usar era que cando a xente suxeríame un termo novo, investigaba un pouco. É dicir, se ese termo realmente era usado de xeito habitual dentro do xogo, se existía algunha páxina que o definira con anterioridade… buscaba se era común e a xente podia recoñecelo, ou, pola contra, se tan só catro «tolos» facían usoo del. Isto chegoume a pasar, tentáronma coar porque algún termo é usado entre un grupo de amigos e failles graza.

GamerDic xa conta con case 800 termos froito da imaxinación e a necesidade dos xogadores.

Respecto disto, atopaches algunha palabra que parecese imposíbel que ninguén usase pero que finalmente unha comunidade moi descoñecida si que a empregaba con frecuencia?

Pasoume moitísimas veces. Existen uns termos e uns conceptos alucinantes pero que resulta que é en grao sumo común. Acabas abraiado da enorme cantidade de vocabulario sobre videoxogos que hai, mesmo aínda que sexas unha persoa coma min, que leva toda a vida xogando e está ao tanto da actualidade. Existen miles de termos que nin che soan pero que realmente existen.

A túa outra páxina é a de Pon Voz A Tu Juego, é unha plataforma máis necesaria do que poida parecer?

Eu creo que si. Esta páxina foi como unha especie de crossover entre Doblaje de Videojuegos e DeVuego, nacida porque me chegaban moitos correos de actores de dobraxe. En ocasións eran profesionais, noutras eran amateur que querían abrir un pouco a súa carteira de clientes, especialmente os profesionais, namentres outros facían isto por pasar un bo anaco ou por se iniciar dalgunha forma de xeito profesional. Querían participar en videoxogos e non sabían como facelo.

Doutra banda, chegábame tamén información de desenvolvedores que querían coñecer a posibilidade de incluir dobraxe no seu título, pero sen, loxicamente, ter que investir unha cantidade de cartos moi grande. Foi por iso que se me ocorreu un pouco esa idea, mesturar eses dous mundos e achegalos. Se cadra hai un proxecto pequeno dun xogo que tan só ten a voz dun narrador e pode permitirse pagar a un actor profesional ou a un amateur para unha pequena colaboración, pero os desenvolvedores non están seguros de como acceder ao actor de dobraxe.

Eu creo que todo o que teña que ver con fomentar que os xogos que se realicen aquí teñan unha dobraxe, sen que teña que ser o máis profesional do mundo, creo que é unha idea interesante. A páxina continúa funcionando, non cun tráfico moi intenso, pero aínda se continúan facendo pequenas cousas.

A dobraxe de videoxogos realízase en numerosas ocasións sen ningunha imaxe, polo que o actor ou actriz debe traballar sen as ferramentas necesarias.

Cales son os obxectivos que marcas para DeVuego, GamerDic…?

Agora mesmo o máis importante é DeVuego. Esta última, Pon Voz A Tu Juego, practicamente funciona soa. Quizais debería investir máis na súa difusión e facela chegar a máis xente. A de Doblaje de Videojuegos atópase na mesma situación e tampouco teño a idea de chegar moito máis alá. Teño un equipo de xente que se dedica a crear as fichas de dobraxe e que coñecen unha gran cantidade de actores e actrices de dobraxe, míran vídeos dos xogos e en base a iso van creando as fichas. É unha páxina que tamén funciona soa, por así dicilo. GamerDic outro tanto, é unha páxina que vou actualizando de cando en vez grazas ás suxestión que vou recibindo e tampouco pode ir moito máis alá.

O proxecto que ten máis potencial, descaradamente, é DeVuego. Agora xuntamos un equipo bastante bo no tema do blog para que haxa máis contidos habitualmente, que haxa máis análise, máis entrevistas, creamos o DevCast… ten moito potencial e gustaríame que a base de datos continuase medrando, engadirlle novas funcionalidades e novos datos. Sobre todo, seguir crecendo por ese camiño e se fose posíbel atopar unha persoa que colaborase a través dunha canle de vídeo aínda que xa temos a Alba que fai streaming de cando en vez de xogos españois. Existen moitas posibilidades para que DeVuego medre, por suposto.

Tes tempo suficiente para cubrir todas as necesidades das páxinas?

Xa digo, das catro páxinas que hai agora mesmo, tres son autónomas. Non requiren de atención continua ou hai xente que xa lla dá, como a de dobraxe. Para o caso de DeVuego vou sacando tempo de onde podo e teño unha cantidade de tarefas pendentes e anotacións que vou facendo bastante extensa. Agora gustaríame volverme centrar na base de datos e mellorala dalgunha maneira.

Malia que tendo dúas fillas, é complicado sacar tempo o,u polo menos, todo o tempo que a min me gustaría, pero máis ou menos vai funcionando, etendo en conta o tempo que teño, xa é bastante.

*Esta entrevista tivo lugar o 28 de xaneiro do 2020

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.

Artigos relacionados