God of War celebra o seu primeiro aniversario cun tema dinámico e avatares de balde

God of War celebra o seu primeiro aniversario cun tema dinámico e avatares de balde

GOTY dos últimos The Game Awards, aventura épica con todas as letras, exemplo de alquimia entre acción e narración, God of War cumprirá este 20 de abril un ano no mercado. O título, que conseguiu reiniciarse e reinterpretarse con enorme éxito, quere ter un detalle cos seus seguidores e ofrecerá de maneira gratuíta un set de avatares e un tema dinámico para a consola de Sony.

Teñas ou non o xogo do estudo californiano, poderás descargar o contido igualmente. Shannon Studstill, directora de Santa Monica Studio, foi unha das encargadas de confirmar o agasallo a través das redes sociais. Doutra banda, o propio director do xogo, Corey, Barlog, quixo celebrar o anuncio e dar as grazas a todos os compradores de God of War. Iso si, tras un misterioso chío no que dicía que «iso non sería todo…», viuse na obrigación de aclarar que non hai ningún DLC previsto para o videoxogo.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.