Actualidade Godfall define a súa proposta xogábel e achega mais detalles das súas mecánicas

Godfall define a súa proposta xogábel e achega mais detalles das súas mecánicas

Un dos títulos anunciados para a nova xeración de consolas é Godfall. O título de Counterplay Games sempre se definiu desde a súa presentación como un loot -lasher, creando dúbidas e preguntas entre a comunidade respecto diso. Agora, o seu director creativo Keith Lee saíu ao paso de todas as cuestións e quixo aclarar que é o que nos agarda no seu próximo xogo.

«A visión do xogo foi fusionar os xogos de recolección de botín co combate corpo a corpo en terceira persoa, conseguindo mecánicas de combate moi intensas e pechadas», tomando como exemplo obras como Darksiders II ou a saga Monster Hunter. Sen dúbida, parece que estaremos durante moito tempo pelexando contra inimigos, xa que o título conta con até 90 tipos distintos de opoñentes.

Lee asegura que a diferenza da saga Souls, que aposta por un estilo máis defensivo, en Godfall recompensarase o encadear combos e asoballar os inimigos con golpes. Non faltarán os xefes durante as misións da historia, tanto repartidos polos niveis como ao final dos mesmos. Tamén existirá a posibilidade de xogar a misións de Cacería, nas que teremos que acabar con obxectivos específicos ao máis puro estilo Dauntless ou Monster Hunter.

As árbores de habilidades farán acto de presenza, xunto coas armaduras valorianas. Haberá 12 en total, contando cada unha delas con estatísticas distintas, efectos pasivos e técnicas definitivas. Por último, poderemos chegar a dominar até cinco clases de armas distintas que se axustan da mellor maneira á nosa forma de xogar.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.