Actualidade Google anuncia o peche de Stadia

Google anuncia o peche de Stadia

Xa é unha realidade. Google confirmou oficialmente o peche de Stadia. O servizo de streaming de videoxogos manterase activo até o 18 de xaneiro de 2023, intre non que deixará de funcionar de xeito indefinido.

Unha das primeiras medidas anunciadas pola compañía estadounidense é a de reembolsarlles os cartos a todos aqueles usuarios que os importes das súas compras de hardware ou xogos a través da Stadia Store, un proceso que finalizará tamén en xaneiro.

Phil Harrison, o vicepresidente e director xeral de Stadia, declarou que «hai uns anos lanzamos un servizo de consumo de xogos, Stadia. Aínda que o enfoque de Stadia para facer streaming de xogos construíuse cuns fortes cimentos tecnolóxicos, non logrou ter a conexión cos usuarios que esperabamos». Está confirmado que os empregados da división de Stadia serán resituados noutros equipos de Google.

Stadia foi anunciado a principios de 2019, cunha proposta que lle quitaba peso á que chamaríamos consola. Naquel intre puidemos ver funcionalidades que parecían ter bastante potencial, e aínda hoxe son visíbeis, por que non. Algúns dixeron que Stadia duraría catro anos, cantidade de tempo que a compañía lle dá aos seus experimentos e proxectos. Foron tres.

O certo é que se ben a idea era boa, se ben hai potencial, se ben Stadia podía ser parte do futuro da industria, ese xogo na nube, sen consolas e case en calquera lugar… semella que igual chegou demasiado cedo; ou, polo menos, non chegou cando a comunidade quería nin na forma exacta.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.