Google celebra o regreso de Carmen Sandiego cun xogo interactivo
Se a túa infancia sucedeu ao longo dos anos noventa, é probable que lembres á delincuente Carmen Sandiego, coñecida nesta terra pola serie animada Onde está Carmen Sandiego? A actualidade quixo traela de volta ou, máis ben, Netflix devolveuna ao século XXI a través da estrea dunha nova producción sobre a súa figura. Google tamén lle botou o ollo, e creou un videoxogo para celebrar a súa particular volta. Pódese gozar a través de Google Earth.
Trátase dunha aventura interactiva de certo ton didáctico, xa que nos achegará a cultura dos lugares máis emblemáticos do mundo. Na pel dun detective da axencia ACME, o obxectivo non é outro que capturar á escorregadiza Carmen Sandiego, así como aos diferentes viláns da organización criminal á que pertence, a agrupación VILE. Londres, Sidney, Río de Janeiro, Tokio… As pistas marcan o camiño e a viaxe.
Non é a primeira vez que os usuarios de computador poden gozar dun xogo coa delincuente de vermello como protagonista. En realidade, antes que a serie de televisión, Carmen Sandiego xa triunfara como personaxe nos videoxogos, por iso é polo que se decidiu facer unha serie sobre ela. A aventura gráfica de Broderbund Software, lanzada en 1985, presentábase como unha experiencia educativa, coa xeografía e a historia como base. Contou con diversas continuacións de bastante éxito, sobre todo no eido da docencia e o estudantado. Where in the World Is Carmen Sandiego? chegou a lanzarse en diversas plataformas, inspirou dous concursos de televisión e recibiu actualizacións variadas durante varios anos.