Actualidade Google limita a ‘maxia’ do seu mando e só será sen fíos con Chromecast Ultra

Google limita a ‘maxia’ do seu mando e só será sen fíos con Chromecast Ultra

Decepción é unha palabra grave —ou aguda, segundo queiramos velo—, pero que define á perfección o que moitos xogadores sentiron após comprobaren que unha das revolucións prometidas por Google Stadia tardará en chegar máis do previsto. A idea presentada polo xigante tecnolóxico de non usar cables e ir dun dispositivo a outro, xogando sen maiores problemas, non será posíbel. Non de saída.

O mando de Stadia só poderá ser usado de xeito sen fíos e sen latencia naqueles dispositivos que teñan conectado un Chromecast Ultra. Así o confirmou o equipo de Google en Reddit. Para usalo noutro dispositivos como tabletas, móbiles e ordenadores será necesario facer uso dun cable USB-C. A súa idea é que a función vaia perfectamente na televisión antes de pasar aos seguintes formatos.

Esa maxia que a compañía prometeu e amosou nas demostracións acabará chegando, pero haberá que esperar un chisco por ela. Ademais, tempo atrás confirmouse que o mando de Google Stadia terá desconectado o envío e a recepción por Bluetooth no seu lanzamento cos dispositivos descritos, e que tamén se activará máis adiante.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
  1. […] Doutra banda, o xigante tecnolóxico lembra que tamén chegarán obras moi esperadas, como DOOM Eternal ou Cyberpunk 2077 durante o próximo ano. Tamén títulos exclusivos. Á marxe dos xogos que vaian aparecendo no seu catálogo, a maior cuestión sobre Stadia figura en como se moverán estes xogos e os posíbeis problemas de latencia ou visionado que poidan presentar no seu debut. Polo momento, sábese que o servizo comezará con certas limitacións, como a compatibilidade reducida. […]