Google presentará o seu novo proxecto sobre videoxogos en sete días
Hai xa tempo que Google mira con interese á industria do videoxogo. A atracción do xigante tecnolóxico por este mundo non é un segredo, e sobre a mesa xa deixou entrever parte do seu traballo nesta área a través de Project Stream. A propia empresa americana xa fixo oficial un novo e inminente anuncio que nada ten que ver con iso. Na próxima Game Developers Conference que se celebrará o 19 de marzo Google quere amosar ao mundo en que anda traballando.
Polo momento, a compañía subiu a YouTube un teaser do que está por chegar, no que se poden ver diferentes escenarios dixitais: o túnel dun estadio, a rúa dunha cidade futurista, unha gruta tropical, un taller de coches ou similar e o interior dun avión militar, entre outros e diversos espazos. O vídeo, que podes ver a continuación, finaliza coa frase « Gather around», cuxa tradución literal é «Reunirse ou xuntarse ao redor».
Google pide aos usuarios que o próximo 19 de marzo, ás 18:00 horas, acudan ao seu streaming para coñecer a «visión de Google do futuro do videoxogo». Recalcan que é un proxecto novo, do que aínda non se fixo público ningún detalle, e non poucos comezaron a rumorear coa posibilidade de que poida ser presentada a súa propia consola, o que sería, sen dúbida, toda unha sorpresa tendo en conta a brutal rivalidade que habita nese mercado. Esta última fin de semana fíxose viral a foto dun posible controlador para esa hipotética máquina, aínda que todo foi un trola que correu con facilidade pola Rede.