Google Stadia xa é unha realidade :: Prezos e requisitos

O servizo de xogo na nube de Google, Stadia, xa está operativo en catorce países do mundo, entre eles España. Definido como unha revolución para a industria coa súa aposta de limitar o hardware a só un mando —e a un Chromecast dependendo do caso— soaba a ciencia ficción hai uns meses. Todo apunta a que así seguirá soando na maioría dos casos; polo menos, por un tempo. Stadia estréase con varias das súas funcións capadas ou limitadas, malia que pronto deberían estar dispoñíbeis. Aterra cun total de 22 xogos. Un catálogo que irá medrando até finais deste ano.
Canto custan os xogos?
A través da compra dunha Premiere Edition (129,99 euros), que ofrece tres meses de subscrición a Stadia Pro, un mando e unha unidade de Chromecast Ultra; pódese acceder a Destiny 2. O resto de obras deben ser mercadas de xeito individual. A continuación podes comprobar o prezo dalgunhas delas, con ofertas xa de saída.
- Assassin’s Creed Odyssey – 30.00 dólares (sen oferta, 59,99 dólares)
- Gylt – 29.99 dólares
- Just Dance 2020 – 49.99 dólares
- Kine – 19.99 dólares
- Mortal Kombat 11 – 41.99 (sen oferta, 59,99 dólares)
- Red Dead Redemption 2 – Launch Edition – 41.99 dólares (sen oferta son 59,99 dólares)
- Samurai Showdown – 59.99 dólares
- Thumper – 19.99 dólares
- Shadow of the Tomb Raider – 59.99 dólares
- Rise of the Tomb Raider – 29.99 dólares
- Tomb Raider 2013 – 10.00 dólares (sen oferta, 19,99 dólares)
- Final Fantasy XV – 29.99 dólares (sen oferta, 39,99 dólares)
Se desexas coñecer os requisitos mínimos e recomendados pola propia compañía, podes realizar un test de conexión nesta ligazón.

Velocidade de descarga mínima para alcanzar os 720p de resolución.
Canto me custa gozar de Stadia?
Amais da adquisición de títulos, é evidente que o servizo de Google require dun desembolso de cartos cada certo tempo para gozar de todas as características que ofrece. No 2020 si se habilitará un sistema gratuíto que permitirá xogar a 1080p e 60 fps, pero haberá que esperar por el.
Hoxe, se un desexa xogar con Stadia deberá facelo cunha subscrición Stadia Pro, que ten un prezo de 9,99 euros ao mes. Esta modalidade regalará un título mensual e 90 días de servizo veñen xa incluídos na Founder’s Edition —esgotada— ou na Premiere Edition —que como se sinalaba en anteriores liñas, inclúe o mando oficial, un Chromecast Ultra e outros elementos—.
Si, podes xogar no novo servizo co teu propio mando, pero a experiencia de lag reducido só está asegurada co oficial. Doutra banda, o modo televisión actual só acepta esta opción. Segundo as primeiras impresións publicadas por medios internacionais, o controlador percíbese de boa calidade, aínda que un tanto ríxido.
Unha hora de xogo a 4K consome 20 GB por hora, mentres que a 720 p consome 4,5 GB. Estímase que se xogas no móbil —opción dispoñíbel en teléfonos Google Pixel—, 20 minutos de xogo comerían un seis por cento da batería.

A día de hoxe, só a versión de computador poderíase ver realmente completa en funcións.