Actualidade Gorillaz asalta as rúas da cidade dos Santos de GTA V

Gorillaz asalta as rúas da cidade dos Santos de GTA V

Coñecida como a banda virtual máis famosa do mundo, Gorillaz acaba de estrear novo tema. Non era esta unha revista de videoxogos? É, é. Se hoxe aparece esta noticia dentro de Morcego é porque a banda creada por Damon Albarn e Jamie Hewlett percorre no seu novo videoclip as rúas dos Santos, a máis que famosa cidade de Grand Theft Auto V.

Os integrantes da banda virtual aparecen en The Valley of the Pagans en diversas localizacións da versión dos Ángeles de Rockstar. Por suposto, como non podía ser doutra maneira nesta urbe, son perseguidos polas autoridades.

O vídeo chega o mesmo día en que a editora do xogo confirmaba a venda de máis de 135 millóns de xogos en todo o mundo, lembrando a vixencia actual de GTA V e a súa posición dentro da industria do videoxogo, de mito indiscutible. O xogo en cuestión, claro, tamén chegará ás consolas de nova xeración, Xbox Series S|X e PlayStation 5.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.