Gotham Knights amósase por vez primeira ao público

Pouco despois de presentar o primeiro tráiler de Gotham Knights, dentro do evento DC Fandome, Warner Bros. Games Montreal quixo que saibamos, de certo, como será xogar coa súa nova obra.
Nel aparece Batgirl durante unha misión na que busca ao vilán Mr. Freeze. No referido ás habilidades é posíbel ver que o modo de combate de Batgirl é similar ao de Batman nos Arkham, mesturando corpo a corpo e gancho. Doutra banda, Robin pode usar o satélite da liga da Xustiza para se teletransportar en pequenas distancias.
Narrado por Patrick Redding, director creativo do xogo e coñecido polo seu traballo anterior en Splinter Cell Blacklist, Splinter Cell Conviction e Far Cry 2, o gameplay publicado son sete minutos de pura acción. É preciso lembrar que Gotham Knights nada terá que ver argumentalmente coa triloxía Arkham de Rocksteady, funcionando como un universo diferente este novo xogo.