Actualidade Gran Turismo 7 non chegará até o 2022

Gran Turismo 7 non chegará até o 2022

A ausencia de noticias sobre un título en concreto é habitual que derivee nesta industria nunha soa posibilidade: algo vai mal. Gran Turismo 7 tiña de ser unha desas obras coas que estrear unha PlayStation 5, pero semella que a súa saída tardará en ser algo real. Jim Ryan confirmou nunha entrevista con GQ que o título de coches non chegará este ano.

Na entrevista, o executivo de PlayStation é preguntado polo xogo, respondendo que «a produción de GT7 sufriu o impacto de varios problemas relacionados co COVID e, en consecuencia, será desprazado do 2021 ao 2022. Coa pandemia actual, a situación é dinámica e cambiante e algúns aspectos críticos da produción do xogo funcionaron máis lentamente que de costume durante os últimos meses. Compartiremos máis información específica sobre GT7 cando estea dispoñible».

O título nunca chegou a ter unha data de saída concreta, malia que si foi unha das primeiras cartas que a marca puxo sobre a mesa á hora de presentar de xeito oficial a súa última consola, polo que se contaba con el este ano. Non.

Si sabemos que será un xogo de condución tradicional e que incorporará algunhas das innovacións que xa apareceran en Gran Turismo Sport. Ryan tamén sinalou que en xeral o desenvolvemento doutros xogos vai ben, facendo referencia a Returnal, Forbbiden West e Ratchet & Clank.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.