Granblue Fantasy Versus chegará a Occidente antes de maio

Cun lanzamento xa programado en Xapón para febreiro, Granblue Fantasy Versus aproximou unha data para o mercado occidental: antes de maio de 2020. Trátase do novo videoxogo de loita de Arc System Works, pais do exitoso Dragon Ball FighterZ.
A información chega a través do medio Gematsu, que explica que haberá distintas edicións físicas e dixitais do título. Seguramente, a máis rechamante sexa a Edición Premium física, que incluirá a banda sonora en CD, un libro de arte, un tema para PlayStation 4, cores para os personaxes exclusivos e outros elementos. Terá un prezo de 79,99 dólares. Nin tan mal.
O xogo toma como base a franquía xaponesa GranBlue Fantasy, en alianza con Cygames para recrear batallas en dúas dimensións. Será exclusivo, de momento, da consola de Sony.