Actualidade GRIS, o título catalán, xa dispoñible para PC e Switch

GRIS, o título catalán, xa dispoñible para PC e Switch

É, probablemente, o lanzamento independente máis esperado dos últimos meses. E non só dentro das fronteiras españolas, tanto o seu deseño como a súa singularidade tamén calaron fondo no panorama internacional. Hoxe poñerase á venda GRIS, un título creado polo estudio catalán Nomada Studio, e que edita Devolver Digital.

GRIS semella estar chamado a ser un xogo que rompa de maneira drástica a barreira entre a pura arte e o entretemento. O talento de Conrad Roset demóstrase cunha simple ollada a calquera imaxe do novo de Nomada Studio, e apréciase na súa totalidade con algún dos adiantos audiovisuais lanzados até esta data. Ademais das súas potentes ilustracións, tamén contará coa música de Berlinist.

A aventura narrará a historia dunha rapaza chamada Gris, perdida nun mundo no que todo parece mutar en dor debido ás experiencias que viviu no pasado. Plataformas e quebracabezas únense nun título no que contaremos con diferentes habilidades para afrontar cada nivel.

Dende hoxe, GRIS estará dispoñible para PC, a través da plataforma dixital Steam, e na eShop de Nintendo Switch, cun prezo de saída de 16,99 euros.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.