Grounded presenta demo e permite visitar o seu mundo en miniatura

Onte mesmo escoitamos o disparo de saída para o Steam Game Festival, un evento que permite acceder a ducias de obras tanto indies como de maior orzamento que aínda non viron a luz. Un dos títulos máis destacados aos que darlle unha ollada é Grounded, o novo xogo de Obsidian e que ten dispoñíbel a súa demo tanto en PC como en Xbox One por tempo limitado.
Até o día 22 de xuño poderemos gozar dunha obra que nos traslada a un enorme mundo en miniatura, que lembra á película de Honey, I Shrunk the Kids. O que antes eran simples insectos converteranse en grandes ameazas das que defenderse con todas as ferramentas e armas á nosa disposición. Iso si, teremos que aprovisionarnos de recursos para poder crealas. Grounded chegará en formato de early access a partir do próximo 28 de xullo.