Actualidade GTA Online abre as portas de The Diamond, o seu novo e luxoso casino

GTA Online abre as portas de The Diamond, o seu novo e luxoso casino

Grand Theft Auto Online non deixa de medrar. O título incluído coa compra de GTA V continúa a ser un dos xogos máis vendidos do mundo semana tras semana, mes tras mes. Un fenómeno económico que Rockstar quere manter con vida e que agora agora recibe a actualización Diamond Casino and Resort.

Se xa había centos de actividades que poder realizar en Los Santos, agora un colosal casino aparece sobre Vinewood. No interior de The Diamond a festa mestúrase cos cartos e as emocións máis primarias. Tao Cheng é o responsable deste monumento ao lecer.

O universo deste mundo virtual amplíase grazas a seis novas misións, novos encargos que os usuarios deberán axudar a Tao a facer e así impedir que os seus prestamistas texanos acaben co casino aos poucos días de abrir as súas portas. Completar os novos desafíos como anfitrión outorga acceso a un ansiado vehículo de gama alta.

Aspecto do Diamond, ubicado en Vinewood.

As misións non son a única novidade que chega a GTA Online. De termos os cartos suficiente tamén poderemos acceder a un impresionante ático no que ser a envexa da cuadrilla.

Asemade entremos no casino poderemos gozar dalgúns dos xogos máis populares e habituais deste tipo de espazos, como a ruleta da fortuna –na que teremos unha tirada diaria gratuíta–, blackjack, póker, comecartos ou apostas. A sorte pode facernos ricos ou afundirnos nas débedas.

Por último, comentar a chegada de seis novos vehículos: os supercoches Truffade Thrax e Annis S80 RR, os deportivos Obey 8F Drafter e Weeny Issi Sport ou os 4×4 Vapid Caracara 4×4 e Enus Paragon R.

Queda claro que Diamond Casino and Resort é unha das actualizacións máis importantes e xenerosas que recibiu a obra de Rockstar nos últimos meses. Por suposto, estará dispoñíbel en todas as plataformas.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.