
GTA V chega de balde á Epic Games Store
Onte mesmo, os rumores apuntaban que un dos títulos máis exitosos da historia estaría dispoñíbel de balde e así foi confirmado.
Grand Theft Auto V é o novo xogo gratuíto da Epic Games Store. A semana pasada amosouse unha imaxe na tenda da páxina, onde aparecía a mensaxe «xogo misterioso». Unha vez revelado, sobre as 17 horas, poderemos acceder ao título. Estará dispoñíbel até o vindeiro 21 de maio e si, unha vez o teñades na vosa biblioteca será voso por sempre.
Este movemento supón un golpe na mesa por parte de Epic Games fronte á súa competencia máis directa, a tenda dixital Steam. Aínda que a plataforma da Epic Games Store ofrecera grandes xogos sen custo algún, este ben podería ser o máis importante de todos eles. GTA V continúa sendo a día de hoxe un dos videoxogos con maior recadación de todo o mundo, por mor do seu modo multixogador.
Alén disto, desde a súa chegada no 2013 a PS3 e Xbox 360, o xogo colócase como un dos títulos máis vendidos cada semana. Desta forma xustifícase que sexa o segundo videoxogo máis vendido de todos os tempos con 120 millóns de copias, tan só por detrás de Minecraft.