Guillemot pídelles desculpas aos desenvolvedores, pero non acepta as peticións dos sindicatos
O CEO de Ubisoft, Yves Guillemot, decidiu pedir desculpas polo correo interno no que lles dicía aos empregados que «a pelota estaba no seu tellado» logo dos malos resultados financeiros do último cuadrimestre. Concretamente, o comunicado rezaba: «Hoxe máis que nunca, necesito toda a vosa enerxía e compromiso para asegurar que volvemos estar no camiño ao éxito. Tamén vos pido que cada un de vós sexa especialmente coidadoso e estratéxico cos gastos e as iniciativas, para asegurar que estamos a ser todo o eficientes posible. A pelota está no voso tellado para entregar a tempo estes títulos e no nivel de calidade esperado, e ensinar a todos o que somos capaces de conseguir».
Logo de diferentes queixas e comentarios internos, Guillemot desculpouse cos empregados e directivos da compañía, aclarando que con esa expresión non tiña como fin botarlles a culpa dos resultados. Porén, sobre as propostas de implementar a semana de catro días e aumentar os salarios para axustalos á inflación, o CEO ten claro que non é o momento, e así o fixo saber Anika Grant, xefa de persoal.
Así, a día de hoxe, hai unha chamada á folga do sindicato de Ubisoft Paris, Solidaires Informatique, que di que Guillemot acostuma a «pedir moito dos seus empregados, pero sen ningunha compensación».