Hades, de Supergiant Games, supera o millón de copias vendidas

Hades, de Supergiant Games, supera o millón de copias vendidas

Catro días despois do seu lanzamento, Hades conseguiu bater unha importante cifra como a de superar o millón de copias vendidas. O novo título roguelike de Supergiant Games establece esta cantidade após superar a súa fase de acceso anticipado, na que máis de 700.000 unidades foron vendidas. O xogo atópase actualmente dispoñíbel para PC e Nintendo Switch.

Alén desa cifra, é certo que o xogo leva en circulación bastante tempo, xa que contou cun early access na tenda de Epic, en PC, durante bastantes meses. O xogo foi evolucionando até chegar a versión 1.0, momento no que se oficializa o lanzamento multiplataforma.

«Para todos os nosos xogadores de acceso anticipado: moitísimas grazas. Deseñamos Hades pensando no acceso anticipado, coa crenza de que poderiades axudarnos a facelo un xogo mellor», declararon desde o estudio. Desde logo trátase dun dato espectacular para o panorama independente da industria, avalado ademais por xogos da mesma desenvolvedora como Bastion ou Transistor.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.

Artigos relacionados