Halo Infinite desminte as informacións que apuntaban ao seu lanzamento no 2022
Tempos difíciles os que viviu Halo Infinite durante as últimas semanas. Após o gameplay amosado durante o Inside Xbox, as críticas comezaron a chover sobre o título de 343 Industries, que finalmente anunciou que o seu buque insignia vería adiada a súa data de lanzamento até o 2021.
Recentemente, unha fonte apuntaba a que esa data podería trasladarse até o 2022 e que o xogo terminaría sendo exclusivo de Xbox Series X por problemas de rendemento na actual xeración de consolas. John Junyszek, director da comunidade de Halo, saíu ao paso destas informacións cualificándoas como falsas.
«Non hai plans de cambiar o noso lanzamento de 2021 ou sobre os dispositivos e plataformas aos que imos dar soporte». Por tanto, o xogo continúa cos seus plans de saída cara o ano que vén coa versión de Xbox One incluída, ademais de ofrecer o seu apartado multixogador de balde.