Halo Infinite non verá a luz até o outono do 2021
A través dun anuncio feito público por Halo Waypoint, o novo director creativo, Joseph Staten, acaba de fixar unha nova xanela de lanzamento para Halo Infinite. O título exclusivo de Microsoft sufriu un atraso xusto despois da súa presentación, cando se supoñía que estaría listo para o lanzamento das novas consolas, Series X|S.
Desde aquel intre foron sucedendo varias polémicas ao redor do FPS, incluíndo a saída dalgún dos seus reponsábeis. Staten é agora o seu director creativo, un veterano na industria que xa participou noutros xogos da saga como Halo 3, Halo: Reach ou Halo: Combat Evolved. A nova data de lanzamento para Halo Infinite sitúase no outono do vindeiro ano —sumando case doce meses de desenvolvemento a maiores do que estaba previsto— e explica que será un xogo á altura das circunstancias.
A maioría dos cambios que se están introducindo, segundo o sinalado pola compañía, son melloras no apartado visual, amais de atender ás peticións que os seguidores da saga realizaron tras a súa presentación.