Actualidade Haven ensina a súa xogabilidade no primeiro vídeo con gameplay real

Haven ensina a súa xogabilidade no primeiro vídeo con gameplay real

Haven foi anunciado o pasado mes de febreiro. A súa proposta de xogabilidade, en parella, mostrábase interesante e atraente, pero non foi até hoxe que por fin puidemos ver imaxes do xogo en acción. The GameBakers, os seus responsables, son coñecidos pola soada obra Furi, lanzada no 2016 cunha boa recepción por parte da comunidade.

O adianto subido ás redes, axuda a coñecer a historia de Kay e Yu. Unha viaxe con aspecto de fuxida, a fuga dun planeta descoñecido e afastado. O amor é un elemento poderoso, sobre todo perante as adversidades da vida, por iso o obxectivo de Haven é tratar de seguir xuntos, pase o que pase. Unha odisea en parella, sobre o seu día a día, das pequenas e das grandes cousas que nos definen.

Segundo parece, poderemos percorrer un mundo amplo e vasto. Para iso iremos levitando dun lado a outro. Poderemos buscar e recoller diferentes obxectos e materias que nos axuden a superar retos e a permanecer vivos un día máis.

Todo indica que a narración terá un peso de enorme importancia dentro do título. Os dous protagonistas falarán de xeito habitual, compartindo diálogos de todo tipo, a través de conversacións onde o xogador poderá elixir entre varias respostas. Doutra banda, o primeiro gameplay de Haven tamén mostra algúns combates. O estudio optou por un sistema de quendas clásico, de corte tradicional, moi RPG de vella escola.

O título chegará a SteamNintendo Switch nalgún momento do ano que vén.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.