Actualidade Haven Entertainment, nome do novo estudio de Jade Raymond

Haven Entertainment, nome do novo estudio de Jade Raymond

Non perdeu o tempo Jade Raymond desde a súa saída de Stadia, cando Google anunciou que non apostaría polo desenvolvemento de obras first party e pecharía os seus estudios internos. Raymond non tivo nin a oportunidade de lanzar un só título para o servizo de xogo na nube. O seu novo destino é Haven Entertainment, estudio independente que nace co primeiro obxectivo de crear un nova IP para PlayStation.

Este novo camiño, en palabras da mesma Raymond, vai permitirlle «retomar o que máis me gusta e facelo dunha maneira que ofreza ao equipo liberdade para explorar, inspirar e crear». Nese equipo, sinala tamén, hai «moitos desenvolvedores talentosos cos que traballei durante anos».

Non está claro se ese equipo do que fala a directiva estará formado por compañeiros de Stadia ou de etapas anteriores (EA, Ubisoft…), pero queda evidenciado que vai con todo. Por motivos evidentes, non hai detalles nin achegas materiais sobre esa futura obra para Sony.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.