eSports Hearthstone estrea campioa do mundo

Hearthstone estrea campioa do mundo

Chámase Xiaomeng ‘VKLiooon’ Li e é a primeira campioa do mundo de Hearthstone, o título de cartas creado e xestionado por Blizzard. A xogadora chinesa derrotou o estadounidense Brian ‘bloodyface’ Eason por 3-0 durante o torneo da BlizzCon 2019. Amais do trofeo, levará un premio de 200.000 dólares.

É, por suposto, un triunfo histórico para os deportes electrónicos ao ser a primeira muller na historia deste videoxogo en gañar un dos eventos máis recoñecidos da súa programación anual. O seu nome figurará xunto co de outras campioas, como é o caso de Scarlett que triunfou en Starcraft, ao gañar a competición celebrada nos Xogos Olímpicos de Inverno de Pyeongchang.

Após levantar o trofeo, VKLiooon mandou unha mensaxe de ánimo a todas as mulleres xogadoras para que nunca desistan e loiten polos seus soños dentro deste sector. «Quero dicir a todas as mozas que teñen o soño de conseguir a gloria nunha competición de eSports. Se queres facelo e crees en ti mesma, simplemente debes esquecer o teu xénero e lanzarte por iso», declarou. «Esta é a mellor maneira de devolver o golpe a todas aquelas persoas que dubidaban de min só porque son unha moza».

Redaccion

Revista Morcego, o perfil para subir a información xeral, do día a día.