Actualidade Hitman 3 prepara Seven Deadly Sins, un DLC que chegará en sete partes

Hitman 3 prepara Seven Deadly Sins, un DLC que chegará en sete partes

IO Interactive anunciou unha expansión para Hitman 3. Baixo o nome Seven Deadly Sins, o Axente 47 seguirá operando e asasinando de mil maneiras posíbeis. A expansión, que será de pago, virará ao redor dos sete pecados capitais, e ofrecerá contratos diferentes e variados. O seu obxectivo narrativo é retar ao xogador a non caer en cada un deses pecados.

Dividido en sete partes, a primeira parte do DLC será publicada este 30 de marzo, e levaranos até Dubai, lugar onde veremos como de avariciosos somos. Entre os obxectos exclusivos que podemos conseguir ao xogar achamos un novo traxe e varios accesorios dourados.

Ademais deste DLC de pago —que permite a súa compra completa ou por capítulos—, a compañía responsábel do xogo tamén sinalou que os usuarios poderán gozar sen ningún custo adicional das diferentes tempadas e obxectivos exclusivos engadidos ao live content. Coa idea de celebrar o lanzamento do DLC, a principios do mes de abril dará comezo a «tempada da avaricia» que, cunha duración de entre 4 e 6 semanas, será a primeira das sete tempadas temáticas que substituirán o contido programado até hoxe.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.