Actualidade Hyper Scape: así é o battle royale de Ubisoft

Hyper Scape: así é o battle royale de Ubisoft

Battle royale, ese xénero convertido en fenómeno de masas que logrou poñer o videoxogo, de novo, no punto de mira da sociedade como un auténtico fervedoiro de sensacións, competición e expectación. Non hai dúbida, trátase dunha modalidade de xogo que segue gozando dunha excelente saúde e unhas cifras millonarias de usuarios e espectadores nas diversas plataformas de retransmisión. Podería parecer que Ubisoft chega tarde, pero quizais chegue nun momento óptimo, na procura por ofrecer a súa propia visión, esperando cortar unha peza máis dese enorme pastel que Apex Legends demostrou que podía dar para comer a máis dun.

Hyper Scape é un shooter en primeira persoa, free to play, desenvolto por Ubisoft Montreal Configúrase como un título de corte futurista, onde cen xogadores descenden á cidade de Neo Arcadia para… si, adiviñáchelo, acabar uns con outros até que só quede un campión. Desde hoxe está dispoñíbel un Test Técnico para PC en diversos territorios de Europa e Norte América.

Como xogar? Seguindo o ronsel de Valorant, todo aquel que queira probar o novo título da compañía francesa deberá pasar polo aro dos drops de Twitch, é dicir, ver retransmisións en directo do xogo para obter unha invitación. Segundo explican desde a propia empresa, «Hyper Scape deseñouse desde o principio como unha experiencia battle royale intensa, vertical e de ritmo ultrarrápido. Os equipos de tres xogadores e os xogadores que xoguen sós, poden mergullarse na futurista cidade virtual de Neo Arcadia para participar en dinámicos combates, con rápidas transicións que van de estreitas rúas a tellados abertos, e tamén letais zonas interiores».

Que o diferencia doutros títulos similares? Coa idea de explorar o xénero e novas formas de diversión, Hyper Scape ofrece modos diversos como a impredecíbel Desintegración, que disolve o mapa de Neo Arcadia en distintos patróns, ou o inimitábel Eco, que mantén activos aos xogadores no combate mesmo cando caeron. Ao final dunha partida de Hyper Scape, comeza a fase da pugna final, cando a coroa de Hyper Scape aparece no mapa. Os xogadores poden optar á vitoria de dúas maneiras diferentes: ben recollendo e portando a coroa durante 45 segundos, ou ben tentando ser o último xogador ou equipo que quede en pé.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.