Ibai Llanos comentará os partidos de Volta no FIFA 20

Ibai Llanos comentará os partidos de Volta no FIFA 20

Malia que Paco González e Manolo Lamas seguirán sendo as voces principais de FIFA 20, EA Sports quixo mover ficha en favor das novas xeracións, e apostou pola gorxa de Ibai Llanos, famoso comentarista de deportes electrónicos, especialista en League of Legends; para ser a encargada de vociferar nos partidos de Volta, o novo modo de fútbol na rúa que se inclúe no título de simulación deste ano.

Segundo Electronic Arts, «Ibai chega para ofrecer unha versión completamente renovada do deporte, que mergullará aos xogadores no ambiente da rúa con novos movementos simplificados e destrezas, novas animacións ou o uso da parede como compañeira de equipo».

«FIFA é un xogo que levo xogando desde pequeno, e desde que empecei a narrar, era un soño poder saír no xogo», explica o propio Ibai.

O comentarista vasco narrará os partidos de Volta que teñan lugar no escenario situado na Praza de Catalunya de Barcelona, onde animará e comentará todos os movementos e accións dos xogadores neste improvisado campo de fútbol.  Tokyo, Amsterdam, Nova Iorque, Roma ou París completarán a listaxe completa de localizacións urbanas onde os xogadores poderán expresar o estilo de seu.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados