Iceborne será o único gran lanzamento de Capcom este ano fiscal

Iceborne será o único gran lanzamento de Capcom este ano fiscal

Capcom alzouse como unha das grandes triunfadoras do último ano fiscal para a industria. Tanto en vendas como en críticas, os seus títulos gozaron dunha excelente acollida ao longo dos últimos doce meses. Resident Evil 2 e Devil May Cry 5 deron beneficios bestiais á empresa, pero agora é momento de coller aire e centrarse nos seguintes proxectos.

A compañía xaponesa vén de confirmar que o único gran lanzamento que ten planeado para este novo curso é a expansión de Monster Hunter World, Iceborne. De tal maneira, se non acontece unha sorpresa ao longo dos meses vindeiros, Capcom non lanzará ningún triplo A, polo menos ata deixar atrás marzo de 2020. Isto non quere dicir que non participe ou non lance outros proxectos de menor envergadura.

Nunhas declaracións públicas cos investidores, o presidente de Capcom,  Haruhiro Tsujimoto, explica que esta dinámica de traballo vén propiciada polos ciclos de desenvolvemento, cada vez máis longos, que precisan os grandes videoxogos.

Aínda que poida parecer que este período será tranquilo para a empresa, o certo é que a expansión xeada de Monster Hunter World rivalizará en tamaño co xogo orixinal ao incluír unha nova contorna, novas historias e tamén, como non, estrear bestas ás que dar caza. É certo que para poder gozar del tes que ter finalizado o título orixinal. Agora ben, tamén é interesante sinalar que este novo capítulo da franquía xa se converteu no xogo máis vendido de toda a historia de Capcom. A expansión chegará a consolas o 6 de setembro, no inverno a PC.

Monster Hunter World xa é o xogo máis vendido da historia de Capcom.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados