Actualidade Ikumi Nakamura regresa á industria e presenta o seu novo estudio

Ikumi Nakamura regresa á industria e presenta o seu novo estudio

Cunha personalidade arrebatadora, Ikumi Nakamura sempre foi un referente de eloxios e mostras de agarimo dentro da comunidade creadora para unha boa parte dos xogadores. Antiga directora creativa de Tango Gameworks, abandonou o seu posto hai xa dous anos, e non foi até o de agora que decidiu volver á industria do videoxogo. Faino abrindo unha nova porta, a do seu propio estudio independente, despois de viaxar por varios puntos do mundo estudando ofertas.

A creativa xaponesa explica a través dun pequeno documental a súa decisión de montar o seu «pequeno estudio e construír a miña IP». Ora ben, aínda non deu nome á criatura, sexa esta o estudio ou o próximo xogo que vexa a luz da súa man. Situado en Xapón, un dos grandes obxectivos deste proxecto é atraer talento estranxeiro, xa que «é estimulante aprender sobre novas culturas». Nakamura explica que após a súa saída do estudio detrás do futuro GhostWire Tokyo recibiu máis de 2.000 mensaxes en Linkedin entre ofertas e xestos de agarimo.

Até hoxe nunca foran desvelados os motivos detrás da decisión de abandonar aquel proxecto. Nakamura quixo aclaralos. Logo da súa lendaria aparición no E3 de 2019 revela que «levaba algún tempo enferma». «Non podes facer xogos se non estás sa. Empecei a preguntarme se non había maneira de facer xogos sentíndome mellor. Tomei a decisión de deixar de fumar antes de que fose demasiado tarde», conta Nakamura.

A deseñadora nipoa posúe unha dilatada carreira na industria. Traballou como artista en Okami, formou parte do equipo que creou Bayonetta e tamén estivo dentro do proxecto cancelado Scalebound de Platinum Games. Despois da súa incorporación en Tango Gameworks, foi partícipe de The Evil WithinThe Evil Within 2 e definiuse a si mesma como a nai biolóxica de GhostWire Tokyo.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.