Impresións | Pisamos o acelerador coa exitosa demo de Forza Horizon 4

Apertamos o acelerador coa demo do novo título de Playground Games e a única verdade que sacamos en claro é que as sensacións que deixa mentres un voa polo asfalto rozan a excelencia.
Non é que sorprenda. A saga Forza é dende hai anos un referente nos xogos de condución, ademais de ser un dos exclusivos cos que Microsoft pode sacar peito fronte a competencia sen ningún tipo de dúbida. A estrada é súa.
A demostración de balde que Microsoft permite xogar mostra un Forza Horizon 4 pletórico. O apartado gráfico fala por si só, e xa só coas opcións dispoñibles hai para un bo anaco de diversión e de probas.
Tras unha breve introdución comeza a pilotaxe. Intuitiva e sinxela, iniciamos a demo surcando as estradas de Gran Bretaña durante o outono. A través dunhas intelixentes transicións imos cambiando entre épocas do ano para comprobar como a condución cambia radicalmente entre estacións así coma a contorna e a climatoloxía. Todo parece encaixar no seu sitio e a sensación de velocidade pero á vez de control está moi lograda.

Conducindo baixo a choiva durante a primavera.
Segundo está explicado, cada semana do tempo real transcorrerá nunha estación distinta dentro do xogo; o noso deber será obter puntos a través dos eventos dispoñibles para clasificarnos no festival da seguinte estación. A principal obxectivo “anual ” non será outro que chegar ata a “gran carreira” do verán.
Tras esta serie de explicacións e probas obrigadas, quedamos libres para percorrer boa parte das estradas do mapa deste avance. Custa soltar o mando, a verdade. A sensación de liberdade tras escoller o noso avatar e o noso primeiro coche é moi agradable. Sumamos puntos por derrapes, velocidade, risco, adiantamentos… O típico. A aparencia dos coches é soberbia, como pouco, e de novo hai que insistir na besta gráfica que supón Forza Horizon 4. Impresiona realmente… É iso que nós non puidemos probar a maior resolución posible! Con todo, o traballo de iluminación, reflexos e sombreados deixa sen palabras, mostrando o bo traballo feito para adaptar o xogo a todas as configuracións gráficas posibles e que siga posuíndo un nivel altísimo.
Deixámosvos cun video que grabamos para a ocasión. Trataremos de mellorar a calidade! Aínda estamos en fase de probas no YouTube.
Boas!
Estiven a piques de comprar o Forza Horizon 3 fai uns días, pero o final boteime atrás… Vou contar o motivo, ainda que pode que non interese a ninguén. 😀
Pareceme que os xogos de carreiras de este estilo, que non tiran de competicións oficiais (tipo F1 ou MotoGP) teñen que ofrecerme algo máis, porque as carreiras pola cidade esquivando coches e cun detalle bo dos coches, xa as teño no GTA V, que ofrece, ademáis, todo un xogo ó redor que non se limita a correr. Non sei si me explico.
O Forza, o Burnout, o GRID, o Destruction Derby ou o Midtown Madness 2 (o mellor da lista sen dúbida) foron grandes xogos no momento en que para xogar unha carreira tiñas que tener un xogo desa liña. Agora que moitos xogos poden ofrecer unha experiencia similar e ademáis ofrecerte moito máis que facer (GTA, Just Cause…) pois non me chama.
E entendo que cada un terá a sua opinión. Pero este é o meu comentario. 🙂