Actualidade Impresións. Red Dead Redemption 2 quere absorber ao xogador

Impresións. Red Dead Redemption 2 quere absorber ao xogador

Venres, dúas da mañá e co mando na man estou botando unha partida ao dominó no medio de ningunha parte, ao carón dunha estación de tren. Óuvense grilos ao lonxe e o meu cabalo descansa atado mentres come a herba do chan. Red Dead Redemption 2 gañou. Fíxome parte do xogo e non podo evitar levantarme da mesa mentres pido outras fichas para a seguinte partida de dominó. Como cheguei aquí?

É cedo para facer unha análise. Hai moito mundo que percorrer aínda no novo xogo de Rockstar pero é certo que a onda xigante provocada por RDR2 é unha realidade. As redes sociais enchéronse de anécdotas, vídeos e imaxes dunha aventura onde os detalles son os protagonistas. Semellan infinitos, moi difícil de describilos un por un máis aló de recomendar á persoa que tes diante de que xogue, de que probe o título.

Nun escenario enorme por cabalgar, o xogador ponse na pel de Arthur Morgan, un foraxido que xunto coa banda á que pertence fuxe da civilización, do avance da modernidade e aspira a vivir en liberdade nun oeste cada vez máis pequeno. A narrativa é absorbente. Contar historias é algo no que Rockstar son especialistas e RDR2 non é unha excepción. Quédame por ver moito, pero a sensación de estar vivindo unha película máis próxima a Sen perdón, que ao spaghetti western dos anos sesenta é unha constante.

Todo pasa pola inmersión. Probablemente a máis coidada nunca nun videoxogo. Detalles e máis detalles. Un horizonte de detalles que dan forma a un mapa cheo de vida, mimado, con cero sensación de repetición ou sistema procedural: “alguén puxo esa pedra aí, seguro”. Nas tendas podes coller a lata de xudías do estante, pagala e saír pola porta. É unha parvada, pero é real. O resto de obxectos mércanse a través do catálogo do establecemento. Se cortas a barba e queres cambiala a unha máis longa non podes, terás que agardar a que medre. Se sofres un accidente co cabalo e esta queda malferido terás que sacrificalo. Os animais cazados deixan sangue na túa roupa e onde se apoien. Se corres melloras a resistencia, se comes moito engordas (xa visto en vellos GTA). Se caes no barro encheraste de merda. Todo parece moi lóxico, que o é, pero sucede dunha maneira tan natural que asusta.

Ao principio da aventura o sistema de apuntado e os movementos de Arthur non me convencían ao cen por cen pero entendín que a certa lentitude coa que funciona o xogo é intencionada, é parte del. Es un vaqueiro non un súper heroe. Arthur nótase pesado en ocasións porque é un tipo pesado. Ollo, porque isto pode acabar por desesperar a algún que outro pero… Éche o que hai.

Algunha pexa? Hainas. A máis notoria que atopei, polo momento, foi relacionada coa tradución, inexistente en moitas conversas aleatorias cos habitantes de RDR2. Unha mágoa se non tes idea de inglés porque falar coa xente é parte indispensable da chamada inmersión total. Tamén hai que falar do rendemento. Estou xogando nunha PS4, mercada hai xa varios anos e o despegue da mesma é inminente. RDR2 tira, e moito. Nas cidades os baixóns de FPS son evidentes e dubido moito que iso se poida corrixir nalgún parche. Seguramente nun modelo máis novo, ou nunha Pro non suceda.

O venres, a análise completa estará dispoñible.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.