Impresións :: TemTem, unha sorprendente alternativa a Pokémon
Kickstarter ten dado moitos desgustos e algunha alegría no pasado; TemTem apunta a formar parte da segunda categoría. O proxecto realizado polo equipo de Crema, desenvolvedora independente española, consiste nun RPG de captura de criaturas con combate por quendas e cunha funcionalidade en liña de estilo MMO, cun mapa no que podemos interactuar en calquera intre con outros xogadores.
As comparacións coa franquía nintendera son inevitábeis, pero após unha valoración xeral pódese dicir que TemTem sae airoso despois do choque coas máis recentes entregas de Pokémon. Namentres os competidores de Pokémon tradicionalmente tentaban fuxir o máis posíbel, TemTem non cambia o que non é necesario e pon o seu xiro en eidos que invitan a un xogo máis complexo e satisfactorio.
En primeiro lugar, falaremos do sistema de combate. TemTem presenta como forma regular de combate o 2vs2 con sinerxías entre os loitadores do mesmo equipo, o cal non reduce a elección a unha procura de superioridade de tipos. A prioridade de movementos mostrase máis transparente fronte as estatísticas de velocidade e pódese ver no propio combate con variación de prioridade entre movementos. Por último, está o sistema de enerxía, que substitúe neste caso os PP de movemento, ofrecendo unha barra similar á que atopariamos noutros RPGs co maná; desta forma limita o uso de habilidades de alto custe. A todo isto hai que sumar o dano de seu que recibe un TemTem após exceder a súa barra. Falamos dun sistema que premia a táctica e adaptabilidade ante as diversas situacións do combate.
Os diversos tipos de criaturas teñen o mesmo sistema de pedra-papel-tesoiras, que remite, de xeito evidente, a outros xogos de Pokémon e engade pouca variación alén dunha reordenación e a introdución de distintos tipos propios como Cristal. Este aspecto é na miña opinión demasiado enlazado a este tipo de xogo, polo que me parece ben mantelo sen moita variación e ofrecer unha base familiar para os xogadores. Do mesmo xeito que se manteñen os tipos, temos tamén TemTem iniciais que escoller e sirve as mesmas funcións que os iniciais de toda a vida.
En tema de criaturas, temos unha longa variedade de TemTem con un total de 141 para o lanzamento. Podemos neste tema observar o xa familiar sistema de evolución xunto aos mais raros Shinies —neste caso chamados Lumas—, que ofertan unha variación de cor e maiores estatísticas. A captura de TemTem realizase en herba alta e no interior de covas, similar á forma de atopar Pokémon en xeracións previas. Obviamente non temos a separación de criaturas por distintas edicións por ser xogo único, unha das manías mais molestas que Pokémon continúaa a ter. Finalmente, para os máis hardcore temos un sistema de crianza e de estatísticas equivalentes aos IV e EV.
Malia que se trata dun título pensado para a experiencia en liña, o esqueleto do xogo está formado por unha campaña individual ou cooperativa —en equipos de dúas persoas—. Nesta aventura temos unha historia básica sen grandes alardes para non encadear moito ao xogador nos primeiros minutos de xogo e presenta ao longo desta diversos desafíos en forma de outros “domadores” e líderes de dojos —equivalentes a adestradores e líderes de ximnasio—.
A dificultade é notable e non permite ao xogador superala sen suar, polo que aínda que se ben está a opción de parars e subir de nivel, o xogo quere que penses cada movemento. O adestrador pode crear o seu propio avatar entre tres opcións: home, muller ou de xénero non binario. Unha achega que é de agradecer, vantaxes dos xogos independentes, ao poder actuar perante a falta de interese en determinados temas por parte de Nintendo.
O certo é que a experiencia xeral co título é bastante positiva nas poucas horas que puidemos probalo e pese a existencia de contido endgame, non puidemos probalo por limitación de tempo. Porén, hai que avisar que se trata dun xogo que entrará en fase de early access e polo momento soamente en inglés —aínda que podemos agardar como mínimo unha tradución ao castelán e posiblemente a galego ao ser realizado por unha desenvolvedora española—. Así, a cantidade de contido é adecuada para a fase na que se atopa; con un total de 3 illas, máis de 80 TemTem, contido multixogador xa implementado —Coop, PvP e intercambios—, sistema de crianza e Lumas xa dispoñíbeisde saída. Segundo o equipo de Crema, na saída a early access o día 21 de xaneiro —inicialmente soamente en Steam, pero con saída planeada para Switch, PS4 e Xbox One— o xogo terá aproximadamente a metade do contido planeado para a saída definitiva en 2021.
Sen dubida, trátase este dun proxecto interesante para os xogadores que gocen capturando criaturas e futuros compañeiros. Agardamos ver un xogo que medre forma constante no tempo.