Reportaxes Impresións :: Un paseo pola comisaría de Raccoon City

Impresións :: Un paseo pola comisaría de Raccoon City

A demo de Resident Evil 2 resulta nun paseo moi tentador (e aterrador) pola comisaría de Raccoon City como para decirlle que non. A revisión do título de zombis chegará oficialmente o 25 de xaneiro, pero Capcom quixo deixar que os xogadores se convenzan do seu potencial a través dunha mostra de balde de trinta minutos. Si, trinta. É o tempo exacto que podemos estar a camiñar polas habitacións e corredores do mítico edificio.

A estas alturas, un adianto deste tipo é un indicador evidente da absoluta seguridade que ten a compañía xaponesa en Resident Evil 2. O título loce xenial. Graficamente o cambio é abismal, como non podía ser doutra maneira. A comisaría semella escura e tétrica e os mortos viventes impoñen terror e repulsión a partes iguais. Non sempre disparar é a mellor opción. Correr non é de covardes, senón de sobreviventes.

A demo publicada é un percorrido xa coñecido para a gran maioría de usuarios que seguisen o desenvolvemento do survival horror, e amosa os primeiros pasos de Leon pola comisaría que ía ser o seu lugar de traballo de non ser polo obvio desastre que tivo lugar na cidade. Comprobaremos como o xute de nostalxia é glorioso ao coincidir con personaxes que coñecemos naquel 1998 de hai vinte anos, aínda que Capcom quixo asegurarse sorpresas e sustos, polo que os encontros (bos e malos) sucederán de distinta maneira a como os lembramos.

O acabado dos zombis e os escenarios posúe un nivel moi alto.

O título chegará dobrado ao castelán. Oír a voz de Lorenzo Beteta como Leon pode resultar un tanto curioso ao principio, aínda que pasados os minutos é fácil comprobar que é un traballo á altura da situación. Moitos asociarán ao actor de dobraxe cos personaxes de Californication, Hank Moody, ou Expediente X, Fox Mulder, aos que o estadounidense David Duchovny deu vida. Tamén dobrou a Jack, da serie Perdidos, un supervivente interpretado por Matthew Fox.

Quizais o formato do adianto obrigue ao xogador a estar demasiado pendente do reloxo e non tanto da posible exploración ou lectura de documentos tanto como gustaría, pero tamén é parte da graza (e do prezo pago, cero). Xa haberá tempo para iso. A demo funciona como unha perfecta mostra do que se pode esperar de Resident Evil 2, das súas mecánicas básicas e da lograda adaptación aos tempos que corren. É difícil imaxinar que alguén non quede con ganas de máis, de querer comprobar como segue a aventura. Por sorte, a espera para iso non será longa.

Aquí tendes boa parte do paseo que Morcego deu pola comisaría.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *