Actualidade IO Interactive confirma Hitman 3 e un novo xogo en desenvolvemento

IO Interactive confirma Hitman 3 e un novo xogo en desenvolvemento

Non ten descanso o Axente 47. Despois de facer a súa segunda aparición o pasado ano, acabamos de coñecer, grazas a un novo documental, que a terceira entrega da saga xa está en desenvolvemento. O documental, titulado The Fall & Rise of Hitman, permite coñecer o proceso de creación das dúas últimas entregas. Foi a través das declaracións de Hakan Abrak, CEO e co-fundador do estudio, que puidemos saber varios detalles relacionados có novo título.

Abrak comentou a viaxe da compañía para levar a cabo esta triloxía: «Lanzamos Hitman 2 cando acababamos de ser independentes, e aínda que o cash e o fluxo de diñeiro líquido non era o mesmo, lanzalo nesas condicións foi un sentimento incrible. E Hitman é unha triloxía, hai un futuro brillante para a saga. Trátase dunha visión completa. Comezamos esta viaxe en 2013, e queriamos completalo, avanzar e rematar na historia deste espía».

Tamén revelou a cantidade de misións que estarán dispoñíbeis, xa que «será un xogo con todas as localizacións dende París en Hitman 1 até a última localización en Hitman 3, onde hai máis de 20 localizacións diferentes. Trátase do obxectivo último que pretendiamos lograr».

Novas aventuras agardan para o Axente 47.

Lembrade que hoxe sae a luz novo contido para Hitman 2. Un novo DLC que poderán disfrutar aqueles que posúan o pase de tempada. Nesta ocasión, 47 deberá acabar con novos obxectivos nunha prisión de máxima seguridade en Siberia.

Unha nova IP

Non remataron as sorpresas aquí. IO Interactive está traballando nunha nova IP, allea o universo Hitman. Será o primeiro xogo que non terá relación co Axente 47, despois da última entrega de Kane & Lynch 2: Dogs Day en 2010. Abrak indicou neste punto que «a maior parte do estudio de Copenhague está traballando en algo segredo e bastante emocionante, algo novo».

Sen data concreta de saída, tan só queda agardar por ámbolos dous xogos e coñecer todo o que teñen que ofrecer dende o estudio danés.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.