Actualidade It Takes Two, o novo de Josef Fares, fixa a súa data de lanzamento

It Takes Two, o novo de Josef Fares, fixa a súa data de lanzamento

Coñecido polos seus xogos de corte diferente e especial, Josef Fares volveu a The Game Awards para presentar It Takes Two, a súa nova aventura cooperativa. Malia que xa fora presentada en xuño deste mesmo ano, é agora cando temos o seu primeiro adianto en forma de gameplay. Amais de poder ver o xogo en acción, tamén foi confirmada a data de lanzamento: o 26 de marzo de 2021. A que plataformas chegará? PS5, PS4, Xbox Series, Xbox One e PC.

En It Takes Two tomaremos o control de Cody e May, un matrimonio que acaba convertido en bonecos por culpa dun feitizo. Volver ser humanos non será o único desafío, xa que no camiño para conseguilo tamén deberán resolver os problemas da súa relación coa axuda do Dr. Hakim.

É un xogo que só poderá ser gozado en cooperativo, en liña ou local. Ademais, xa se confirmou que do mesmo xeito que A Way Out, existirá a posibilidade de convidar a xogar gratis á segunda persoa por medio dun ‘Pase de amigo’.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.