Actualidade Itch.io lanza un pack de mais de 700 xogos por cinco dólares para apoiar a loita contra o racismo

Itch.io lanza un pack de mais de 700 xogos por cinco dólares para apoiar a loita contra o racismo

Ao longo da semana pasada vimos como numerosas empresas vinculadas ao sector dos videoxogos amosaban a súa solidariedade coas protestas que se están vivindo nos Estados Unidos. O rexeitamento e a repulsa contra o racismo foi unánime e algunhas desenvolvedoras como Square Enix decidiron doar 250.000 dólares en axudas para a causa. Porén, unha das proposta máis relevante é a de Itch.io, que decidiu lanzar un total de 742 títulos de corte independente para PC por tan só cinco dólares.

Esta inmensa cantidade de xogos foi posible reunilos grazas ás doazóns das súas desenvolvedoras, todo iso co fin de recadar diñeiro para apoiar ás asociacións civís estadounidenses que se loitra contra as secuelas do racismo. Este pack chamouse Bundle for Racial Justice and Equality e o obxectivo era chegar até os dous millóns de dólares; nestes momentos a cifra recadada até o de agora é de 2,330,976.29 dólares.

Todas as obras incluídas están libres de DRM e entre elas atopámonos recoñecidos xogos como A Short Hike, Night in the Woods ou Minit. Os cartos conseguidos serán doados á NAACP Legal Defense and Educational Fund e a Community Bail Fund a partes iguais. Podedes facervos con esta inmensa cantidade de videoxogos a través desta ligazón, cuxo valor total no mercado chega até os 3.453 dólares.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.