Reportaxes It’s free! :: Xogos de balde nesta fin de semana (27 de marzo)

It’s free! :: Xogos de balde nesta fin de semana (27 de marzo)

Seguimos na casa, como non pode ser doutro xeito. Se buscas ideas ou recomendacións, ao longo das dúas últimas semanas realizamos algunhas en Morcego, pero, polo si ou polo non, aquí tes algunhas máis… e sen pagar un euro. Nestes últimos meses, compañías e plataformas comprobaron como as probas gratuítas, demostracións ou mesmo os xogos completos, son un agasallo que a comunidade aprecia. Que oportunidades haberá esta fin de semana?

ARMS (Nintendo Switch Online)

Após confirmaren que un dos personaxes de ARMS será o próximo loitador de Super Smash Bros. Ultimate, a compañía da Gran N tamén avisou que a obra orixinal estará dispoñíbel para os subscritores do servizo Nintendo Switch Online até o 6 de abril. Coidado non darlle máis horas das previstas!

Bravely Default 2 (Switch)

Tamén se confirmou esta semana a posibilidade de xogar a demo de Bravely Default II durante o último Nintendo Direct. Unha oportunidadr única de ver como será a secuela directa da primeira entrega, baixo a batuta dos responsábeis dos outros Bravely e de Octopath Traveler. Aquí a tes, a só un clic.

Cities: Skylines (PC)

Marabilla de título para todo aquel que procura pasar un intre relaxado dando forma á cidade dos seus soños, malia que sempre co problema do control de tráfico, a contaminación, as defuncións, a débeda… Cities: Skylines estará gratis esta fin de semana en Steam. Desde 2015 o xogo de xestión non parou de medrar, converténdose no referente número un do xénero city builder.

A súa novena expansión de pago, Sunsett Harbour, acaba de aterrar. Un momento máis que oportuno para procedermos á instalación e ver como funciona a obra editada por Paradox Interactive. Se vos convence, ten un 80 % de desconto; vaia, que vale 5,59 euros.

Football Manager 2020 (PC)

Converteuse nunha das sorpresas do illamento debido ao coronavirus. Empezou como unha proba gratuíta en Steam que duraría até o día 25 de marzo, pero SEGA anunciou que se prolongará ata o próximo 1 de abril, polo que esta fin de semana poderemos seguir xogando sen custo algún.

Hai que aclarar que unha vez finalice o período comentado si haberá que pagar pola obra. A falta de fútbol real…

Ghost Recon: Breakpoint (Multi)

Tes curiosidade por probar o último de Ubisoft dentro de Ghost Recon? Pois é o momento. O título de acción da compañía francesa poderá ser descargado de balde esta fin de semana —logo, se queres continuar xogando, deberás compralo— para incitar á comunidade a coñecer o lanzamento da expansión Estado Profundo, con Sam Fisher, de Splinter Cell.

Predator: Hunting Grounds (PS4, PC)

Unha experiencia máis que tentadora. Trátase dun título de acción asimétrico no que un grupo de soldados mídese a unha das razas alieníxenas máis perigosas do universo. A súa versión de proba iníciase hoxe, venres 27 de marzo, e permanecerá abertas até o domingo, tanto en PC comoa en PlayStation 4, a partir das 17 horas.

Predator: Hunting Grounds busca aproveitar unha das marcas máis coñecidas do cinema e dos cómics Dark Horse. Presentarase cun mapa e a posibilidade de escoller calquera dos dous bandos.

World War Z (PC)

Seguramente coñezas a película de Guerra Mundial Z. Si, esa na que Brad Pitt sobrevive a un accidente de avión e a outras situacións máis absurdas e surrealistas. O título, estreado hai uns meses, pasa a ser un dos xogos gratuítos que ofrece Epic Games Store, xunto con Figment e Tormentor X Punisher. Tres obras polo prezo de ningunha.

O xogo de zombis preséntase como un título multixogador cooperativo de supervivencia e acción, onde deberás gastar máis balas das existentes no mundo para aguantar as inmensas ondas de mortos que tentarán comer a túa carne.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.