John Romero crea un novo nivel de DOOM II para recadar fondos de axuda a Ucraína

Continúa a guerra entre Rusia e Ucraína e non son poucas as mostras de apoio internacionais que foron chegando cara ao segundo país. O conflito bélico mantén en suspense ao planeta e a industria do videoxogo, non allea ao mundo real, e que tamén viviu estes días algúns movementos de apoio ao pobo ucraíno.
Electronic Arts, por exemplo, realizou algunhas mudanzas en varios dos seus títulos, como en FIFA 22, eliminando a todos os clubes rusos das súas competicións dixitais; namentres que CD Projekt RED xa non seguirá vendendo os seus xogos en territorio ruso e bielorruso. Agora, John Romero confirmou a creación pola súa banda dun novo nivel de DOOM II, o legendario FPS de id Software, que suporía a súa primeira ampliación en case trinta anos.
O nivel está dispoñíbel a través da seguinte páxina web e, malia ser de pago (cinco euros), Romero anunciou que todas as ganancias xeradas pola súa venda serán destinadas á Cruz Vermella e ao Fondo Central para á Acción en Casos de Emerxencia de Ucraína.
Aquelas persoas que queiran gozar do novo nivel precisarán dunha copia orixinal de DOOM II para poder xogar a One Humanity, nome oficial da ampliación. Ademais, na mesma páxina aparece indicado que esta pode ser descargada até un máximo de tres veces coa ligszón proporcionadoa tralo pago.